- A delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisaron as manobras realizadas en coordinación coa concesionaria do servizo
- A representante autonómica lembra que as obras estarán practicamente rematadas a finais de marzo, pero que a estación de autobuses non poderá entrar en servizo ata que o Concello habilite o acceso á AP-9
- Desmente que a estación poida operar sen este acceso pois o entronque coa AP-9, a obra que está a executar o goberno local, representa o 65 por cento do tráfico total da estación
A Xunta avanza un paso máis na posta en servizo da estación de autobuses intermodal de Vigo co inicio das probas de circulación que este martes puideron supervisar a delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de mobilidade, Ignacio Maestro.
En coordinación cos responsables técnicos da concesionaria do servizo, a empresa Monbus, comprobouse a correcta manobrabilidade dos carrís de entrada e saída da praza da Estación, polos que chegará o 35% do tráfico, como os autobuses procedentes do Porriño, Redondela e Baiona. Tamén supervisaron o posicionamento da rede semafórica municipal e o espazo reservado aos portalóns nos accesos á terminal. O obxectivo fundamental desta proba é verificar a correcta operatividade funcional destes elementos.
En canto á evolución das obras, Fernández-Tapias sinalou que seguen a avanzar a bo ritmo polo que a estación estará practicamente rematada a finais do mes de marzo. En todo caso, a delegada territorial incidiu en que non poderá entrar en servizo ata que o Concello habilite o acceso á AP-9.
Segundo detallou, a estación conta con dous accesos, o da praza da Estación cofinanciado pola Xunta e que que xa está rematado, polo que poderá estar operativo cando se remate a terminal; e un segundo acceso, desde a AP-9. Neste último caso, indicou, a parte autonómica xa está terminada, pero a obra que está a executar o goberno local, de entronque coa autoestrada, “é fundamental para o inicio do servizo”.
Fernández-Tapias desmentiu así que a estación poida operar sen este acceso, tal e como afirmou o alcalde, Abel Caballero, pois representa o 65% do tráfico da estación. Así mesmo, explicou que a maquinaria das obras do Concello crúzase co que sería a saída da estación cara á AP-9, e desde o concello non se ofreceu solución a esta cuestión.
A estación de autobuses intermodal de Vigo, que permitirá albergar dous millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobuses, avanza así cara o novo modelo de transporte público intermodal en Galicia como principal nó de viaxeiros do sur da Comunidade tras un investimento de 18 millóns de euros.