Vigo, Galicia
General Portada

Feijóo destaca que Galicia foi a primeira comunidade en contar cun plan específico para reactivar a cultura e o turismo

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cun plan específico de reactivación do turismo e a cultura para incentivar progresivamente o seu consumo logo da pandemia da Covid-19. Un plan, engadiu, dotado con 58 millóns de euros para o desenvolvemento de 47 medidas, entre as que destacan Galicia destino seguro, iniciativas de apoio ás industrias culturais ou o fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.

Nun acto sectorial sobre turismo celebrado en Vigo, Feijóo destacou que o proxecto que o PPdeG presenta nestas eleccións autonómicas é unha proposta que engloba xestión, experiencia e ilusión e que conta, ademais, con capacidade e vencer as adversidades. Así, fronte aos que nunca xestionaron nada, avogou polos “políticos xestores”.

“GALICIA, O LUGAR A ONDE IR”

Amosouse convencido de apostar polo sector turístico, non só polo seu peso na economía galega (máis do 10 por cento do PIB galego e o 11 por cento dos postos de traballo), senón tamén porque é unha parte fundamental da Marca Galicia. Unha marca, engadiu, baseada na calidade, na sustentabilidade e, tamén, na seguridade: “Galicia é o lugar a onde ir”.

Porén, unha das medidas máis importantes deste plan é o programa Galicia destino seguro. Deste xeito, redactáronse manuais específicos de seguridade sanitaria;

púxose en marcha un programa de formación pioneiro, con máis de 50.000 prazas; e ofreceuse asesoramento directo a todos os profesionais.

O XACOBEO MÁIS NECESARIO

Por outra banda, fixo unha especial referencia á celebración o vindeiro ano do Xacobeo 2021, unha panca na recuperación económica e social. Así, afirmou que o Xacobeo 2021 suporá unha recuperación non só económica, senón tamén emocional, cun programa de máis de 1.200 actividades ao longo de todo o ano: “É o Xacobeo máis necesario da historia, polo impacto que terá en Galicia como destino fundamental”.

Apuntou que xa están programadas máis de 1.200 actividades culturais en toda Galicia, se puxo en marcha o Fondo de proxectos culturais para inxectar liquidez inmediata ás industrias culturais -que se ampliará ata os 2,5 millóns de euros- e abriuse a convocatoria dunha nova edición do programa Cultura no Camiño.

Outro dos obxectivos deste plan de reactivación son as industrias culturais, para o que se conta cunha liña de axudas para a adaptación dos espazos e equipamentos aos novos requisitos de seguridade e se asinan convenios específicos para a adaptación de formatos, creación de novos produtos turísticos, dixitalización ou novas plataformas de comercialización, entre outros.

GALICIA, CON CIFRAS TURÍSTICAS RÉCORD

Tras lamentar que a pandemia interrompera un camiño de grandes datos no sector turístico, o líder do PPdeG lembrou que Galicia despediu o 2019 con cifras récord neste ámbito: foi o ano que recibimos máis visitantes da historia da Comunidade galega, con 5 millóns de visitantes e 350.000 peregrinos. “Os mellores prescritores de Galicia son os turistas, pero a súa tarxeta de presentación é o sector”, indicou.

Con respecto a este ano, manifestou que hai datos e tendencias positivas e agardou poder chegar a recuperar entre 2.000 e 2.500 postos de traballo de cara ao pico do verán. E é que, tal e como indicou, a creación de emprego “é a gasolina para unha Galicia calidade e unha Galicia segura”.

Durante a súa intervención, avogou por un IVE reducido para o turismo, unha medida “fundamental”, para, segundo, dixo, “facer un guiño a este sector e recuperar así a demanda”.

Deja una respuesta