Vigo, Galicia
General Vigo

La CIG- Vitrasa rechaza la rebaja salarial e insta al Ayuntamiento a rescindir el contrato con la empresa si incumple el convenio

Dá por esgotada a vía da negociación e promoverá mobilizacións

A sección sindical da CIG en Vitrasa reitera a súa oposición á rebaixa salarial anunciada pola concesionaria do
transporte urbano do Concello de Vigo e insta ao Goberno local a rescindirlle o contrato se a empresa segue a
incumprir o convenio colectivo e o prego de condicións do servizo. Ao mesmo tempo, e unha vez rematada sen
acordo a mediación pola inaplicación do convenio que pretende a compañía do grupo Avanza, a CIG-Vitrasa dá
por esgotada a vía da negociación e anuncia a convocatoria de protestas.
As conversas entre a representación sindical e a dirección remataron o pasado día 25 sen que as partes lograsen
chegar a un pacto sobre a inaplicación do convenio que Vitrasa pretende impoñerlle ao conxunto do cadro de
persoal e que se traduciría nunha importante baixada de soldos. En consecuencia, a empresa solicitará unha
arbitraxe para forzar unha resolución final ao conflito provocado pola súa intención de reducir os salarios un 30%
o que queda de 2022 e un 14% en 2023, baseándose nas perdas durante a pandemia e nas posíbeis perdas nos
anos 2022 e 2023. Vitrasa pretende incrementar tamén a xornada anual, incluír medidas de flexibilización de
xornada, eliminar un plus de absentismo que se cobra anualmente e mesmo non entregar unha peza de abrigo no
próximo inverno.
Ademais, se o balance de contas de 2023 fose positivo primeiro dedicarían as ganancias a recuperar as perdas dos
anos 2020 e 2021, e en caso de seguir en números positivos o resto sería para restaurar aos traballadores/as a súa
rebaixa salarial. E a pesar de recibir un reequilibrio de 5,7 millóns de euros, a empresa mantén un contencioso
contra o Concello de Vigo pola redución de ingresos dos anos 2020 e 2021 debido á pandemia, no que reclama 14
millóns de euros máis.
Por todo isto, Vitrasa mantén un patrimonio neto de máis de 50 millóns de euros, “polo que son totalmente
solventes, mais a pesar diso utilizaron o persoal para presionar ao Concello, como se viu en dúas ocasións, cando
atrasaron o abono dos salarios e crearon un conflito innecesariamente”.
Contas moi pouco claras

Unha vez examinadas as contas anuais presentadas, os economistas de CIG conclúen que as contas son “moi
pouco claras” e as perdas e ingresos “totalmente volúbeis” a criterio dos administradores/as que as presentan.
Como exemplo destacan que para apoiar a solicitude de inaplicación presentáronse até tres contas de resultados
realizadas por diferentes auditorías externas e ningunha delas reflectía as mesmas cifras; o balance de gastos
lanza cifras de negocio doutras empresas nas que Vitrasa participa, e mesmo do grupo Avanza; e inclúense en
gastos anuais partidas como a compra de autobuses que en ocasións anteriores repartíanse durante varios anos
como amortizacións a longo prazo.
Redución de servizos e perda de viaxeiros/as

Para CIG-Vitrasa chama a atención que unha empresa que se dedica ao transporte de viaxeiros/as leve dende hai
un par de anos recortando sistematicamente servizos, ao tempo de que se queixa de que non aumenta o número
de viaxeiros/as. Lembran que a día de hoxe realízanse diariamente case 80 expedicións menos que hai dous anos,
ademais de ter desaparecido a liña C2, o que fai que nas cocheiras de Vitrasa haxa da orde de 20 autobuses
parados a diario.
“Incumpren o prego de condicións diminuíndo servizos, e estes recursos deberían estar na rúa captando
viaxeiros/as, polo que hai que realizar unha oferta máis atractiva de transporte urbano, xa que a actual deixa
moito que desexar como o constatan as continuas queixas das persoas usuarias”. Consideran que a empresa non
ten vocación de servizo público, xa que unicamente actúa para optimizar beneficios. “Se esta concesión non
responde ás súas expectativas económicas, o mellor para os empregados/as, a propia compañía e a veciñanza
sería que o Concello se fixese cargo da concesión”, indican desde a sección sindical da CIG.
Problemas noutras explotacións

Finalmente, sinalan que non hai que esquecer que o grupo Avanza está a ter problemas noutras concesións coas
que conta no Estado español, como Ourense, Durango, Málaga, Zaragoza ou Ávila, “ explotacións que nos últimos
meses, e mesmo anos, están a ter conflito, nuns casos polo convenio colectivo e noutros por inaplicación de
convenio, ou polas dúas cousas ao mesmo tempo como é o caso de Vigo”. Nesta liña, lembran que na cidade
olívica o convenio leva caducado dende finais de 2020, coa perda de poder adquisitivo que iso implica, e lamentan
que Vitrasa non teña interese en negociar.
Por todas estas razóns, dende a sección sindical de CIG en Vitrasa entenden que a vía de negociación está
esgotada, polo que promoverán mobilizacións para solicitarlle ao Concello que lle esixa á empresa que se faga
cargo das súas obrigas co cadro de persoa, “e en caso contrario que proceda a retirarlle a concesión”

Deja una respuesta