A Asociación Veciñal de Teis, convoca unha manifestación este venres 28 de xuño ás 19:00 h, con saída desde a piscina municipal, para denunciar o abandono de Teis.
Levamos anos reivindicando máis dotacións e servizos para Teis, que non se atenden por parte do goberno municipal de Vigo.
Hai 10 anos que se anunciou a construción dunha biblioteca por parte de Abel Caballero.
Levamos 2 anos coa piscina municipal pechada logo do incendio de maio de 2022 e aínda non hai unha data para o comezo da obra, logo da anunciada reconstrución.
No caso dos terreos da ETEA, é urxente mellorar o mantemento dos espazos da beiramar ( paseo marítimo e peirao), avanzar na urbanización dos viais ou mellorar as instalacións deportivas na ETEA, coa recuperación da piscina.
Teis, conta con dous grandes parques “ A Guía “ e “ A Riouxa” , pero que presentan grandes deficiencias, polo que é necesario un plan de posta en valor destes parques.
Tamén unha necesidade canda vez maior é a falta de estacionamento en Teis, polo que hai que abordar a necesidade da construción dun estacionamento soterrado.
O edificio da antiga “ fabrica de pinturas “, propiedade municipal, está nun estado de absoluto abandono e aínda non hai definido uso social para estes terreos.
A recuperación dos terreos ETEA.
Desde a Asociación, agardamos que a “ nova etapa “ que se iniciou o pasado luns, entre as relacións Xunta de Galiza e o Concello de Vigo, non se quede só nunha foto ou nunha declaración de intencións e haxa avanzos reais na recuperación dos terreos da ETEA (urbanización de viais, construción da residencia de maiores, etc), ao longos destes anos houbo moitos anuncios por parte das diferentes administracións, pero logo non se fixo nada.
Por iso desde a Asociación, consideramos fundamental seguir coa mobilización, como a garantía de que non haxa máis enganos coa recuperación dos terreos e acabar co abandono da ETEA.