Nun vídeo estreado hoxe e no que participan a familia, os amigos e algúns dos compañeiros políticos do líder dos populares galegos
- A través das palabras das fillas, da súa muller e da súa nai, os galegos e galegas poderán descubrir mellor a un presidente que cando entra na casa “deixa o seu posto fóra”
- “É un cliente coma outro calquera, ao que pola mañá podes ver almorzar ao lado dun butaneiro ou de calquera outro traballador que está na barra”, di o camareiro do seu bar de confianza
- Para Feijóo, Rueda atesoura as “tres materias primas claves” para ser un bo político e un bo presidente: “É un bo profesional, ten sentido do humor e gústalle a política”
. O Partido Popular de Galicia estrea hoxe un vídeo no que dá a coñecer o perfil máis persoal de Alfonso Rueda a través do testemuño de quen mellor o coñece: a súa familia, os seus amigos e algúns dos compañeiros políticos cos que traballou ao largo da súa traxectoria. Todos eles coinciden en definilo como “unha persoa normal, traballadora, próxima e confiable”.
Por primeira vez, as persoas máis próximas ao líder e candidato do PPdeG póñense diante das cámaras para debullar o retrato da persoa que hai detrás do político. O pai ao que as súas fillas chaman cariñosamente “papá Alfonsito”, o marido que desfruta de longos e distraídos paseos en moto coa súa muller, o fillo que sempre saca tempo para chamar á súa nai e o amigo franco e directo nos seus consellos.
A través das palabras das fillas do presidente, Marta e Beatriz, da súa nai, Lola de Valenzuela, e da súa muller, Marta Coloret, os galegos e galegas poderán coñecer mellor a un Alfonso Rueda que cando entra na casa “deixa o seu posto fóra” e que, segundo a súa nai, “está na política porque quere e lle gusta” e a pesar de que o seu pai lle dicía que non se dedicase a isto.
Todas elas coinciden en que Rueda é unha persoa “normal, boa e fiel á súa palabra”. Ao igual que fan os seus amigos da infancia e Adrián González, camareiro no bar pontevedrés ‘O canon de pau’ do que o presidente é asiduo: “É un cliente coma outro calquera, ao que pola mañá podes ver almorzar ao lado dun butaneiro ou de calquera outro traballador que está na barra”.
Por outra banda o presidente tamén o “defectillo”, en palabras do seu amigo José Benito Suárez Costa, da impuntualidade. O cal é indicativo de que “é o último en irse” e, segundo explica, da mostra do seu compromiso con todo aquilo no que se involucra: “Alá onde está, ademais de atender o que está facendo nese momento, está resolvendo outras cousas. É unha persoa cunha capacidade de traballo fóra do normal”.
RUEDA VISTO POLOS SEUS COMPAÑEIROS DE PARTIDO
Esa capacidade de traballo é o que destacan del as persoas coas que Alfonso Rueda coincidiu ao longo da súa traxectoria política: desde que era secretario municipal en Cambados ata que comezou a traballar na Xunta de Galicia. Algo do que no vídeo falan Xesús Palmou e José Manuel Cores Tourís.
O exalcalde de Cambados, de feito, só ten boas palabras para o presidente: “É unha persoa cercana, de a pé, pero ao mesmo tempo moi responsable, moi traballadora, moi preparada e sobre todo unha persoa que inspira moita confianza”. Pola súa banda, Palmou, o seu primeiro xefe na Xunta na Consellería de Xustiza e Interior, subliña que é “persoal e profesional”.
Tamén o presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, ofrece a súa visión persoal sobre quen o acompañou durante a súa etapa á fronte do PPdeG: “É unha persoa da que te podes fiar, que non minte e á que lle poderías deixar as chaves do teu coche ou da túa casa”.
De feito, para Feijóo, o presidente Rueda atesoura as “tres materias primas claves” para ser un bo político e un bo presidente: “É un bo profesional, ten sentido do humor e gústalle a política”.
Non podía faltar tampouco nesta aproximación ao perfil máis persoal do presidente e candidato do PPdeG a visión duns dos seus grandes amigos: Mariano Rajoy. O expresidente do Goberno asegura que raramente fala con el de política e percibe en primeira persoa o cariño que lle profesan os galegos. “É un home cunha enorme
vontade, que se sobrepón ás dificultades, que lle dedica moitas horas e é moi cercano e cordial”.
