La falta de efectivos perjudica especialmente las zonas rurales y obliga las trabajadoras y trabajadores a realizar más kilómetros, lo que «supone un alto riesgo de accidente»
- CCOO denuncia o «caos» e o «abandono» no servizo de Correos da provincia de Pontevedra pola
falta de persoal. Malia as reiteradas peticións do sindicato para que se fagan contratos co fin de cubrir as
ausencias por enfermidade, permisos e outras circunstancias, o operador postal négase. A situación, a día
de hoxe, prexudica especialmente a poboación do rural, pero tamén os propios traballadores e
traballadoras, que a diario deben facer máis quilómetros dos que lles corresponden tanto nas zonas rurais
como nas urbanas, o que «supón un alto risco de accidente no exercicio das súas funcións», advirte
Comisións.
As sobrecargas de traballo e o aumento da quilometraxe que han percorrer as traballadoras e traballadores
de distribución someten o persoal «a un alto nivel de tensión». Por esta razón, CCOO solicitoulles aos
responsables de saúde laboral a realización de avaliacións de riscos psicosociais nos centros de traballo.
Segundo o sindicato, a situación arrástrase desde hai anos e «non houbo mellora ningunha» desde o
cambio á fronte de Correos o pasado mes de decembro. De feito, o pasado venres, a unidade de repartición
(UR) de Arcade tiña pendentes de sacar a distribuír máis de 800 notificacións administrativas, situación que
se repetía a mañá deste luns. Hai máis de dous anos, o persoal do centro, xunto con CCOO, protagonizou
unha mobilización para denunciar o recorte dun posto de traballo nos servizos rurais de Ponte Sampaio.
Así as cousas, CCOO acusa a Correos de «incumprir de forma consciente e continuada» as obrigas de
prestación do servizo público postal en moitas zonas da provincia de Pontevedra. Recentemente, a empresa
decidiu modificar o horario laboral, atrasando en media hora a entrada do persoal da quenda de tarde, «o
que provocou o noso rexeitamento absoluto e malestar no persoal» ante unha medida «que castiga
novamente as zonas rurais».
