O cabeza de lista do Partido Popular ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, visitou este xoves o Fogar e Clínica San Rafael de Vigo acompañado pola presidenta local do PP, Luisa Sánchez, e representantes da formación local para escoitar as inquedanzas e achegas das persoas usuarias do centro, así como para informarlles das propostas do programa electoral popular en materia social e de discapacidade.
Estas inclúen unha atención temperá de calidade e a continuidade dos apoios de xeito permanente, a compaxinación das pensións de discapacidade co emprego e a ampliación das axudas para adaptar os postos de traballo e favorecer así a creación de novos postos para persoas con discapacidade. O programa do Partido Popular tamén contempla a ampliación dos supostos de xubilación anticipada das persoas con síndrome de Down ou a mellora do acceso á vivenda con apoios para fomentar a autonomía, entre outras medidas.

