Profesionais facultativos e de enfermería confeccionaron o manual “Arritmias cardíacas e interpretación da telemetría para Enfermería”
- A publicación ten como principal destinatario o persoal de enfermería con responsabilidade asistencial sobre os pacientes con arritmias
- O manual conta con máis de 300 imaxes con trazados electrocardiográficos que ilustran e facilitan as bases para a interpretación das alteracións do ritmo cardíaco
Profesionais do servizo de cardioloxía do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo colaboraron na publicación do libro Arritmias cardíacas e interpretación da telemetría para Enfermería. Este manual, elaborado tanto por persoal facultativo como de enfermería, ten por obxecto facilitar a lectura dos electrocardiogramas e optimizar o manexo dos pacientes que sofren este tipo de doenzas.
A monitorización electrocardiográfica é unha fonte continua de información de importante valor para o coidado dos pacientes potencialmente inestables, ben se trate de ingresos nas unidades de coidados intensivos (UCI) e nos servizos de urxencias, ou ben nos servizos de cardioloxía do Servizo Galego de Saúde.
Neste contexto, rexistrar a actividade cardíaca durante as 24 horas esixe dispoñer de persoal formado, tanto para poder detectar e interpretar arritmias graves, como para avaliar situacións que predispoñen ás mesmas.
O persoal de enfermería, sempre en contacto directo cos pacientes, adoita ser en moitas ocasións o primeiro equipo profesional que analiza os electrocardiogramas e os monitores cardíacos. Por este motivo, e co ánimo de facilitar a compresión e potenciar a capacitación dos seus profesionais, dúas enfermeiras e dous cardiólogos do hospital de Vigo, seleccionaron, nun formato práctico e exhaustivo, a información esencial para apontoar os conceptos fundamentais que faciliten a comprensión desta tecnoloxía.
As 155 páxinas coas que conta o manual recollen máis de 300 imaxes con trazados electrocardiográficos reais que ilustran e facilitan as bases para a interpretación das alteracións do ritmo cardíaco. Así, a publicación ten como principal destinatario ao persoal de enfermería que conta con responsabilidade asistencial sobre estes pacientes.
O desenvolvemento tecnolóxico e a mellora dos servizos de saúde para atender á poboación posibilita que recursos, antes limitados e só dispoñibles nas unidades de pacientes críticos, se acheguen agora tamén a outras unidades que manexan pacientes de alta complexidade.
Xa que logo, este manual contribuirá a mellorar a atención sanitaria que se lle presta aos pacientes, ao poder contar cunha lectura previa da información telemétrica que facilitan este dispositivos de monitorización.

