Terán lugar o 15, 20 e 22 de xuño; e antes, o día 9 haberá unha concentración diante da sede de Asime en Vigo ás 11:00 horas
As centrais CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria de tres xornadas de folga no sector do metal da
provincial de Pontevedra ante as propostas de convenio “insultantes” achegadas pola empresariado nas
últimas xuntanzas. Os paros terán lugar os vindeiros dúas 19, 20 e 22 de xuño, pero antes, este xoves día 9,
os tres sindicatos desenvolverán unha concentración diante da sede da patronal Asime en Vigo ás 11.00
horas.
Responsábeis das federacións de Industria dos tres sindicatos en Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa
para explicar que tras nove xuntanzas coa patronal “non hai ningún avance” que permita vislumbrar a
posibilidade de chegar a un acordo sobre o convenio antes do verán. Culparon disto ás propostas “irrisorias”
achegadas polo empresariado, unhas propostas “insultantes” que “raian a provocación”.
As tres centrais censuran que se siga a insistir nun incremento salarial “ridículo” dun 0,5%, 2,5% e 2,5% para
cada un dos tres anos de vixencia do convenio, sen cláusula de revisión. Mais tamén que se pretenda
introducir as ETT no sector, reducir os tres días por nacemento de crianzas, conxelar os valores dos
desprazamentos, limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.
Diante disto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, indicou que “apostamos por
adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo. Isto
pasaría por acordar unha serie de medidas que consideramos totalmente asumíbeis, como son introducir
unha cláusula de revisión salarial conforme ao IPC; garantir a subrogación do persoal entre empresas
privadas; reducir a xornada laboral anual en 24 horas, xa que é unha das máis altas de Galiza; diferenciar as
distintas categorías laborais; regular as gardas de traballo; e mellorar as licenzas”.
Os tres sindicatos consideran que se a patronal asume estas propostas a posibilidade de acordo “daría un
salto cara a adiante”, pero lamentan o “inmobilismo” do empresariado e a súa “incapacidade” de chegar a
calquera tipo de pacto.
“A patronal sabe que non imos permitir o seu ritmo de negociación, sen avances e con xuntanzas de recheo
para dilatar o acordo. Temos que chegar a un acordo antes do verán, porque a situación dos traballadores/as
é moi dura, tras varios anos co IPC disparado”, rematan.
En consecuencia, agardan que a mobilización do xoves e as tres xornadas de folga convocadas na segunda
quincena de xuño fagan “reflexionar” os responsábeis de Asime, ATRA e Instalectra “e se senten dunha vez
por todas coa vontade de chegar a un acordo que dignifique as condicións laborais dos arredor de 30.000
traballadores/as do sector na provincia”.