Vigo, Galicia
Vigo

El BNG pide rectificar el diseño del PERTE del vehículo eléctrico y conectado para dejar de excluir la automoción de Vigo

Xabier P. Igrexas subliña o “carácter estratéxico da automoción viguesa que é un tractor fundamental da economía produtiva do conxunto de Galiza e que en Vigo e na súa área representa preto de 15 mil postos de traballo”

 Diante da exclusión do proxecto presentado por Stellantis para optar ao PERTE do vehículo eléctrico e conectado (VEC), o Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de iniciativas tanto no Congreso e no Senado para urxir o Goberno español a poñer fin á marxinación de Galiza e, singularmente, da automoción de Vigo no acceso a estes fondos europeos.

“O Goberno do Estado aínda está a tempo de modificar o procedemento e cambiar a forma de xestión dos PERTE tal e como vimos reclamando desde o BNG. Hai que estabelecer unha cogobernanza, entre Estado e Xunta, para que se poida adaptar a distribución dos fondos á realidade social e económica e as necesidades industriais que posúen os diferentes territorios” explica a senadora do BNG, Carme Da Silva.

Da Silva denuncia que os actuais criterios estabelecidos polo goberno central “non se rexen por criterios equitativos e carecen da necesaria transparencia”. No caso concreto para o PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), a nacionalista defende que é necesario que o Goberno lance a terceira e cuarta convocatorias -con previa revisión e análise do modelo de administración e estabelecendo a cogobernanza- para que a industria galega se poida acoller a ela. “Na segunda convocatoria, por exemplo, non foi posíbel que accedera algún dos proxectos galegos presentado como o de Stellantis Vigo” lembra.

Defensa dun sector estratéxico

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou que se atenda “o carácter estratéxico do sector da automoción que é un tractor fundamental da economía produtiva do conxunto de Galiza e que en Vigo e na súa área representa preto de 15 mil postos de traballo”.

Igrexas lamentou que o “reparto centralista e o deseño burocrático” imposto desde Madrid estean a impedir o acceso aos recursos do PERTE dunha parte esencial da industria viguesa. “Ás enormes dificultades e reptos que encara o sector da automoción en Vigo, pola transición ao vehículo eléctrico e tamén pola crecente deslocalización produtiva, non se poden engadir trabas e atrancos por parte do Goberno español de PSOE e Sumar”, reclamou.

“O BNG imos seguir defendendo con absoluta firmeza en Madrid, con Néstor Rego no Congreso e Carme Da Silva no Senado, que hai que blindar o futuro dun sector estratéxico e chave para o presente e o futuro de Vigo como é a automoción”, remachou, lembrando que na cidade destruíronse 7.400 postos de traballo nos últimos 15 anos, na súa meirande parte en actividades industriais.

Este financiamento ten que servir, segundo apunta Igrexas, para garantir a actividade produtiva na nosa cidade e comarca pero tamén para combater a crecente precarización laboral no sector. “No BNG temos claro que non se trata de subvencionar a precariedade senón de estimular que o sector compita con capacidade técnica e innovación e non con baixos salarios”

Deja una respuesta