Vigo, Galicia
Vigo

El BNG llama a reformar el Reglamento de Distinciones del Ayuntamiento de Vigo para garantizar su pluralidad

  • A fronte nacionalista pide actualizar o documento, de 1981, para evitar a “devaluación” dos últimos anos polos “vetos sectarios e a imposición absolutista” de Abel Caballero
  • Solicita incorporar mecanismos que permitan a participación da cidadanía e do tecido social na designación destes recoñecementos, como sucede noutras urbes galegas

Xabier P. Igrexas: “O actual Goberno municipal non entende que a cidade é plural e diversa e non cabe nas costuras da súa temporal maioría absoluta no Pleno”

O Bloque Nacionalista Galego chama a reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Vigo para garantir a súa pluralidade. Así o vén de trasladar o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, nun escrito dirixido ao alcalde, Abel Caballero, e aos portavoces dos grupos municipais no que demanda iniciar coa maior axilidade o procedemento para actualizar este documento, elaborado no ano 1981.

“Nos últimos anos temos asistido á reiterada devaluación das honras e distincións que outorga o Concello de Vigo”, lamentou Igrexas, quen acusou o actual Goberno municipal de “empañar con vetos sectarios e a imposición dun rodete absolutista” as distincións da cidade. “Abel Caballero non entende que a cidade é plural e diversa e non cabe nas costuras da súa temporal maioría absoluta no Pleno”, subliñou.

O portavoz nacionalista lembrou como nos últimos anos foron “excluídas de forma arbitraria” as propostas realizadas polo Bloque e outros grupos para os recoñecementos como Viguesas e Vigueses Dinstinguidos e da Medalla de Ouro. Unha “falla de consenso” que, a xuízo do Bloque, viuse agravada coas Distincións Cidade de Vigo, creadas só co apoio do grupo de Goberno.

Fronte a esta deriva e diante do apremio para a decisión dos galardóns deste ano 2024, dende o BNG propoñen retomar un procedemento que garanta a “maior representatividade”, polo que solicitan que a Medalla da Cidade sexa informada e ditaminada previamente pola Xunta de Portavoces, e que no caso das Viguesas e Vigueses Distinguidos se acorde que cada grupo municipal poida formular un máximo de tres propostas para o seu debate no Pleno.

Participación cidadá

Aliás, Igrexas pediu avanzar cara á “democratización efectiva” das distincións para que recoñezan a pluralidade de Vigo, representada máis alá da composición da propia Corporación Municipal. “Cómpre habilitar mecanismos que permitan a participación cidadá e do tecido social no proceso de proposta, como sucede con distincións análogas noutras cidades galegas”, reclamou.
Unha participación que, considerou o voceiro nacionalista, redundará na “valorización social e institucional” das galardóns da cidade. “Non poden ser a medalla do ‘aquí mando yo’ e teñen que representar a pluralidade e a diversidade de Vigo”, reivindicou Igrexas, quen pediu “pasar páxina do sucedido nos últimos anos e devolverlle as distincións e recoñecementos do Concello ao conxunto da cidade, ás viguesas e aos vigueses”

Deja una respuesta