Vigo, Galicia
Vigo

El BNG insta a Ayuntamiento de Vigo y Xunta a rechazar la ocupación de 60 mil metros cuadrados para fondear yates en Canido

A fronte nacionalista demanda a ambas administracións que se opoñan a estas autorizacións da Autoridade Portuaria de Vigo por supoñer unha “ameaza” ambiental e para as actividades pesqueiras e marisqueiras da zona

Xabier P. Igrexas: “Moi mal comeza a súa andaina o novo presidente do Porto demostrando que o compromiso co crecemento sustentábel do Porto é pura palabrería”

Carmela González: “Hai que superar este modelo caprichoso e privatizador das nosas costas apostando por unha ordenación racional e con consenso”

O Bloque Nacionalista Galego insta a Concello de Vigo e Xunta de Galiza a rexeitar a ocupación de case 60 mil metros cadrados de lámina de auga para fondear até 160 embarcacións de recreo en Canido. A fronte nacionalista demanda a ambas administracións que se opoñan a estas dúas autorizacións da Autoridade Portuaria de Vigo, que se pretenden aprobar este venres, por supoñer unha “ameaza” ambiental e para as actividades de pesca artesanal e marisqueo da zona.

“Esta decisión procura legalizar o fondeo irregular que desde hai xa demasiado tempo se vén realizando a carón do porto de Canido, e que ten sido reiteradamente denunciado sen que a Autoridade Portuaria de Vigo actuase nunca”, cuestionou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que se vén de dirixir o alcalde, Abel Caballero, para que o Concello “non fique de brazos caídos” e pida a retirada destes puntos no Consello de Administración do Porto e, en caso de non conseguilo, vote en contra das autorizacións.


Igrexas referiuse tamén ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, a quen afeou que inicie a súa andaina á fronte da institución “demostrando na práctica que o seu compromiso co crecemento azul e sustentábel do Porto é apenas un exemplo máis de greenwashing, de pura e dura palabrería”. Así, alertou sobre o impacto directo desta actuación sobre os fondos mariños, así como o banco marisqueiro e a pesca artesanal que se realiza na zona, tal como denunciou a propia Confraría de Pescadores de Vigo.

Modelo caprichoso e privatizador

No mesmo sentido, a deputada do BNG, Carmela González, anunciou iniciativas no Parlamento galego para esixir á Xunta que paralice este novo intento de privatización da lámina de auga por ser “incompatíbel” co ecosistema mariño. “Hai que superar este modelo caprichoso nas nosas costas apostando por unha ordenación racional e con consenso que vai na dirección dun aproveitamento sustentábel e multifuncional”, defendeu. Advertiu de que xa se están realizando traballos para instalar os puntos para fondear até 160 embarcacións de recreo, tanto no interior do porto de Canido como no seu exterior.

Deja una respuesta