A fronte nacionalista esixe a Xunta de Galiza que exerza dunha vez as súas competencias en materia de vivenda en lugar de xogar “demagoxicamente co medo”
Xabier P. Igrexas: “Resulta repugnante que o PP vigués se sume ao discurso alarmista da ultradereita mentres moitos millares de viguesas e vigueses non se poden permitir literalmente o luxo de vivir na súa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego tacha de “insultante” que a única proposta do PP sobre vivenda sexa crear en Vigo unha oficina municipal contra a ocupación. Dende a fronte nacionalista acusan aos populares de sumarse ao discurso “alarmista” da ultradereita mentres a Xunta de Galiza, con competencias na materia, non ten construído nos últimos anos ningunha vivenda pública na cidade.
“O problema en Vigo son os prezos imposíbeis non as ocupacións”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. A ese respecto, censurou que o PP vigués de Marta Fernández-Tapias xogue de forma “demagóxica co medo” en lugar de esixir ao seu Goberno en Santiago que tome medidas dunha vez para enfrontar o “gravísimo” problema de acceso á vivenda.
Igrexas asegurou que o principal problema é que moitos millares de viguesas e vigueses, especialmente xente moza, “non se poden permitir literalmente o luxo de vivir na súa cidade”. Así, lembrou que os prezos dos alugueiros incrementaron na cidade nun 50% nos últimos anos, mentres son cada vez maiores as esixencias para poder alugar unha vivenda. Denunciou ademais que hoxe hai máis do dobre de pisos turísticos para “especular” que vivendas dispoñíbeis en réxime residencial e que en Vigo seguen rexistrándose decenas de desafiuzamentos sen alternativa habitacional.
Sen vivendas públicas da Xunta en Vigo
“O problema da vivenda é un problema social non de seguridade”, afirmou o voceiro nacionalista en relación á proposta do PP. Dende o Bloque consideran “indefendíbel” que o Goberno galego non teña promovido ningunha vivenda pública en 13 anos, agás uns poucos inmóbeis rehabilitados polo Consorcio do Casco Vello, malia ser a cidade galega con maior número de demandantes de vivenda protexida con case 6 mil familias rexistradas.
O portavoz nacionalista comprometeuse a seguir esixindo que tanto Xunta como Concello cooperen para poñer en marcha un parque público de vivenda social en Vigo que facilite o acceso ás familias traballadoras, ás persoas máis vulnerábeis e á mocidade. Nese sentido, lamentou as continuas negativas de ambos Gobernos a atender as propostas do BNG nesta materia, como crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, poñer en marcha un Plan Facilitador do Alugueiro, mobilizar as 18.500 vivendas desocupadas na cidade ou medidas para frear a especulación crecente dos pisos turísticos, entre outras.