Vigo, Galicia
Vigo

El BNG exigirá en el Pleno de Vigo que la Xunta actúe frente a las consecuencias de la “marea plástica”

  • A fronte nacionalista demanda que se mobilicen máis recursos para limpar e protexer as praias e que se despreguen medidas para enfrontar as consecuencias no sector pesqueiro e marisqueiro
  • Xabier P. Igrexas: “Fronte ao nefasto guión de mentiras, manipulacións e incompetencia da Xunta do Partido Popular, o BNG seguimos a esixir unha resposta firme e enérxica por parte do Goberno galego para enfrontar esta nova crise ambiental

O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro Pleno do  Concello de Vigo, convocado para este luns, unha moción para reclamar actuacións urxentes por parte da Xunta de Galiza diante das graves consecuencia da “marea plástica” dos pellets que está afectar o litoral do noso país.

“Fronte ao nefasto guión de mentiras, manipulacións e incompetencia da Xunta do Partido Popular, o BNG seguimos a esixir unha resposta firme e enérxica por parte do Goberno galego para enfrontar esta nova crise ambiental”, explicou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Na moción as nacionalistas recollen unha batería de medidas concretas que o Goberno galego debe poñer en marcha con carácter inmediato, centradas na mobilización de recursos para asegurar a limpeza da costa e tamén en despregar medidas para paliar os efectos desta nova crise ambiental. “É evidente que o Goberno galego fixo deixación de funcións, abandonou os concellos á súa sorte, desentendeuse da coordinación do voluntariado, mesmo naquelas zonas ambientalmente máis sensíbeis, e non está a prever as consecuencias que a marea plástica pode ter no sector pesqueiro e marisqueiro galego”, apunta Igrexas.

A primeira das medidas, recollida na moción, é a demanda de que a Xunta “colabore cos concellos en lugar de deixalos na estacada”poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte á crise ambiental que están a vivir. Piden tamén que a  Xunta aumente a dotación de persoal de limpeza das praias co obxectivo de garantir que se actúa en todos os areais afectados. Aliás, instan a mobilizar todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galiza para permitir unha resposta anticipada e moito máis áxil e efectiva.

Reclamación de danos á aseguradora do buque

A moción nacionalista tamén reclama que sexa o Goberno galego quen coordine a xestione a reclamación de danos e o resarcimento de gastos dos concellos afectados por parte da compañía aseguradora do buque accidentado. Despregue todos os buques e helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza para intensificar a vixilancia e actuar de inmediato.

Igrexas puxo de relevo a “importancia crítica” de que se investigue co máximo rigor e transparencia tanto a composición dos granulados plásticos vertidos como, sobre todo, dos seus efectos na flora e fauna costeira e tamén os seus potenciais riscos para as persoas.

Por último, urxen a Xunta a atender a afectación da marea plástica nas actividades pesqueira e marisqueira e a poñer en marcha medidas en favor do sector. “O BNG expresamos o noso total e absoluto apoio a un sector estratéxico como é o da pesca e o do marisqueo e por iso temos que demandar que a Xunta deixe de virarlle as costas”, enfatizou o portavoz municipal nacionalista.

Deja una respuesta