- A fronte nacionalista revela que o documento, de só 5 páxinas, non inclúe un estudo sobre as especies arbóreas da cidade nin inspeccións dos diferentes exemplares
Xabier P. Igrexas: “Unha mala xestión do arboredo acaba por se converter na coartada para as tallas masivas que se están a perpetrar co consentimento do Goberno municipal”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Plan de Poda Anual do Concello de Vigo carece de criterios técnicos e incumpre o previsto no prego da concesión para o mantemento dos xardíns. Así o desvelou este martes o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após ter acceso ao documento que determina o tratamento do arboredo da cidade e de analizalo co asesoramento de persoas expertas na materia.
“Falamos dun documento de só 5 páxinas, descontando a portada e o índice, no que non se realiza unha análise efectiva da situación do arboredo”, cuestionou Igrexas, destacando que neste Plan de Poda non se indican nin as características nin o estado actual das especies arbóreas. “Sen este estudo é imposíbel determinar cales son as actuacións necesarias para o mantemento de cada exemplar”, subliñou, advertindo que “abre a porta a podas masivas e xeneralistas”.
Dende o BNG lembraron que a empresa concesionaria ten a obriga de realizar inspeccións técnicas das árbores da cidade para coñecer o seu estado vexetativo e sanitario. “Unha mala xestión do arboredo acaba por se converter na escusa ou coartada para o arboricidio que se está a perpetrar co consentimento do Goberno municipal”, lamentou o portavoz municipal nacionalista.
Alertou tamén de que no actual Plan de Poda tampouco se especifican os medios humanos e materiais para a execución dos traballos, nin os períodos de actuacións ou calendario por especies, zonas ou barrios da cidade. “En resumo, estamos diante dun plan que non planifica practicamente nada”, concluíu Igrexas, lembrando que os propios pregos da concesión advirten da importancia dunha correcta xestión das podas.
Novo Plan de Poda
“Facer podas sistematicamente co afán de dar a falsa sensación de mantemento pode ser o peor inimigo para as árbores e arbustos”, asegurou o voceiro municipal do Bloque. “Non executalas de maneira axeitada, no momento oportuno e con persoal capacitado pode provocar que o arboredo enferme, desequilibre, perda a súa función, morra ou se converta nun elemento perigoso”, engadiu.
Por estes motivos, o BNG vai demandar na vindeira Comisión Informativa de Parques e Xardíns que a empresa concesionaria elabore un novo Plan de Poda que cumpra cos criterios técnicos e que “aposte de verdade na mellor conservación e na protección do arboredo urbano”.