Vigo, Galicia
Vigo

El BNG denuncia que Caballero rechaza sancionar a Vitrasa por los recortes de frecuencias tras la huelga del bus en Vigo

  • A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de “complicidade e barra libre” coa concesionaria de bus urbano diante dos reiterados incumprimentos no servizo
  • A redución de frecuencias mantívose durante 19 días unha vez finalizada a folga a pesar de non contar con autorización do Concello

Xabier P. Igrexas: “Resulta incomprensíbel que non se vaia adoptar ningunha medida ante uns recortes que ocasionaron un grave prexuízo á veciñanza da cidade”

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno de Abel Caballero rexeita sancionar a Vitrasa polos recortes de frecuencias tras a folga de bus urbano en Vigo. Así o vén de confirmar o Goberno municipal en resposta á interpelación da fronte nacionalista, realizada no último Pleno, a respecto de que medidas pensaba adoptar pola redución dos servizos durante 19 días a pesar de que non contaban con autorización do Concello, como revelou o propio BNG.

“Estamos diante dun exemplo máis da barra libre da que se beneficia Vitrasa pola complicidade do Goberno de Caballero”, criticou o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, quen considerou que esta decisión evidencia a “total falla de control” sobre o conxunto dos servizos privatizados e contratos do Concello, que supoñen máis de 200 millóns de euros anuais do orzamento municipal.

No escrito de resposta á pregunta do BNG, asinada polo concelleiro Javier Pardo, o Goberno local limítase a sinalar que “o servizo anterior ao inicio da folga a día 1 de abril de 2024 figuraba restablecido”. Porén, non fai referencia ás 19 xornadas dende o remate da folga indefinida no bus urbano, o pasado 11 de marzo, nas que se reduciron os horarios do servizo en até 15 liñas.

Por estes motivos, Igrexas considerou “incomprensíbel” a negativa do Goberno de Caballero a tomar ningunha medida contra a empresa concesionaria por un novo incumprimento do servizo, sendo a súa obriga legal a recuperación total das frecuencias, e cuxos recortes ocasionaron un “grave prexuízo” ao conxunto da veciñanza da cidade.

“Abonda de complicidade”

Dende a fronte nacionalista fixeron un chamamento para que cese a “complicidade” do Goberno municipal coas contratas e servizos externalizados do Concello a empresas privadas, que acumulan a maioría reiteradas denuncias por “facer caixa cobrando por prestar menos servizo do contratado”.

O portavoz municipal do Bloque esixiu que o Goberno de Caballero exerza as súas competencias de fiscalización e control das concesionarias para garantir a prestación efectiva de todos os servizos, impedindo que ningunha empresa privada siga incumprindo coas condicións fixadas nos contratos públicos.

Nese sentido, Igrexas afeou a decisión “ilegal” do Goberno municipal de negarse a constituír a Comisión Informativa de Vixilancia da Contratación, como ten demandando reiteradamente o BNG e malia ser obrigatoria como marca Regulamento Orgánico do Pleno. “Caballero ten que explicarlle ás viguesas e vigueses porque ademais de que o seu Goberno non fiscalice ás concesionarias, tamén impide que poidamos facelo os grupos da oposición”, reprochou, cuestionando os motivos desta decisión: “Que é o que quere seguir ocultando?”. 

Deja una respuesta