Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo destapa las mentiras de Abel Caballero sobre el reequilibrio de Vitrasa: ni era inminente ni va a resolver el conflicto

  • A fronte nacionalista revela que a nova indemnización á concesionaria de bus urbano está nun punto morto e “dificilmente” se poderá materializar antes do verán porque non hai partida orzamentaria e o importe terá que ser recalculado
  • Denuncia o proceder “autoritario e antidemocrático” do Goberno local por ocultar ao BNG este expediente durante 102 días até o ultimato nacionalista do pasado xoves

Xabier P. Igrexas: “Cando o alcalde presentou o reequilibrio da concesión como a solución ao conflito mentiu deliberadamente ao persoal de Vitrasa e á veciñanza de Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego vén de destapar este luns as mentiras do Goberno de Abel Caballero sobre o reequilibrio da concesión de Vitrasa. A fronte nacionalista revela, despois de ter acceso ao expediente tras 102 días dende a primeira solicitude, que a nova indemnización á concesionaria de bus urbano está nun punto morto e “dificilmente” se poderá materializar antes do verán porque non hai partida orzamentaria e o importe terá que ser recalculado.

“O intento abertamente ilegal de impedir que o BNG tiveramos acceso ao expediente só perseguía que non coñeceramos a verdade detrás da propaganda”, cuestionou en rolda de prensa o seu portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando o proceder “autoritario e antidemocrático” do alcalde: nestes máis de 3 meses o grupo nacionalista realizou até tres solicitudes, un recurso de reposición, rexistrou unha queixa perante a Valedora do Pobo e só foi até o ultimato do pasado xoves, advertindo de accións legais, cando o Goberno local permitiu o acceso.

Do exame inicial das mil páxinas do expediente, Igrexas evidenciou as “mentiras” reiteradas de Abel Caballero sobre este reequilibrio da concesión de Vitrasa. Así, cando o 22 de novembro de 2023 Abel Caballero afirmaba que o reequilibrio estaba “moi avanzado e era inminente”, só tres días antes do inicio da folga indefinida no servizo de bus urbano, non foi até 50 días despois cando se trasladou a proposta de indemnización, polo mesmo importe que calculara o Servizo de Intervención Municipal a finais de outubro: menos da metade dos máis de 30 millóns de euros solicitado por Vitrasa.

En relación ao informe da Oficina Nacional de Avaliación, utilizado como “coartada” polo Goberno municipal para impedir o acceso do BNG ao expediente, foi solicitado o 15 de decembro de 2023, mais o Concello xa tiña resposta de que non se ía emitir por parte deste organismo dependente do Ministerio de Facenda dende o 4 de xaneiro deste ano.

O reequilibrio terá que ser recalculado

Sobre o estado actual do expediente, Igrexas alertou da “enorme preocupación” diante do último informe emitido pola Intervención Municipal o pasado 5 de marzo, que sitúa o reequilibrio de novo nun “punto morto”. Un informe no que se desvela que o Goberno de Caballero aínda non iniciou os trámites para dispoñer da partida orzamentaria, mediante un modificativo de crédito, que permita facer fronte a esta nova indemnización a Vitrasa.

Aliás, o importe do reequilibrio da concesión terá que ser recalculado, segundo o criterio da Intervención Municipal, para axustalo á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pendente de executar e que revogou a actualización da tarifa de bus urbano aplicada polo Concello no ano 2021. Circunstancias que, a xuízo da fronte nacionalista, “dificilmente” permitirá materializar o reequilibrio antes do verán.

“Isto demostra que cando Abel Caballero presentou o reequilibrio da concesión como a solución ao conflito mentía deliberadamente aos traballadores e traballadoras de Vitrasa e ao conxunto da veciñanza de Vigo”, afeou Igrexas. Nese sentido, o portavoz nacionalista advertiu que esta nova indemnización millonaria non pode ser un “cheque en branco” para a empresa concesionaria, polo que reiterou a urxencia de que o Goberno municipal deixe a “complicidade” e tome medidas dunha vez fronte aos reiterados e graves incumprimentos tanto co seu persoal como coas condicións do servizo de bus urbano.

Deja una respuesta