Vigo, Galicia
Vigo

El BNG de Vigo demandará en el Pleno que Xunta y Ayuntamiento atiendan las situaciones de vulnerabilidad social y de infravivienda

A fronte nacionalista alerta de que o Goberno municipal  non garante o aloxamento das familias afectadas polo incendio da rúa Afonso X e as desaloxadas de dous inmóbeis da rúa Fisterra a partir do vindeiro 3 de novembro

Critican con dureza a utilización “cínica e indecente” polo Partido Popular dunha “situación dramática a nivel social” para colocar o seu discurso reaccionario sobre a ocupación mentres a Xunta non exerce as súas competencias en vivenda

Xabier P. Igrexas: “Nesta cidade de ascensores millonarios e grandes proxectos como o Vigo Arena non podemos seguir permitindo que haxa moitos veciños e veciñas que teñen que malvivir en vivendas que non están en condicións”

O Bloque Nacionalista Galego presentou publicamente esta mañá a moción que levarán ao Pleno do Concello de Vigo do vindeiro luns, na que demandarán aos gobernos galego e municipal que actúen para atender debidamente as situacións de vulnerabilidade social e de infravivenda existentes na cidade.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou que tanto o tráxico incendio decorrido na rúa Afonso X o pasado 11 de outubro como o posterior desaloxo de dous inmóbeis da rúa Fisterra, deixaron en evidencia unha “grave problemática social e as deficiencias e insuficiencias para a súa adecuada atención por parte das diferentes administracións públicas”.

Igrexas subliñou que en ambos os dous casos existían condicións de falla de seguridade e habitabilidade que “amosan con toda crueza” o fenómeno das infravivendas existentes en Vigo. “Unha realidade que se encadra no problema de acceso social á vivenda na nosa cidade, que fai que malia existir máis de 20 mil pisos baleiros sexan moitas as persoas e familias que non se poden permitir alugar ou comprar”, cuestionou.

Desde a fronte nacionalista responsabilizaron desta situación “á falla deliberada de políticas de promoción de vivenda pública”, tanto por parte da Xunta do Partido Popular, malia ser a administración competente, como tamén polo Goberno municipal de Abel Caballero “que leva 16 anos negándose a actuar”.

O portavoz municipal nacionalista cualificou de “cinismo indecente” a posición adoptada polo Partido Popular que, segundo afirmou, pretende “aproveitarse dunha situación dramática para seguir a estender o seu discurso reaccionario” sobre a ocupación. “Falan de vivendas ocupadas, pero non din que boa parte das familias que malvivían na rúa Afonso X estaban alí en precario despois de seren desaloxadas do poboado do Caramuxo sen que nin Xunta nin Concello lles ofrecesen alternativas habitacionais”, subliñou.

Solucións estábeis para as familias afectadas

En relación aos dispositivos sociais despregados por parte das administracións local e galega para atender as persoas desaloxadas, desde o Bloque denuncian a “improvisación, a precariedade e grandes incertezas” que os envolven. Neste sentido, Igrexas alertou de que as familias realoxadas provisionalmente en hostais están baixo o risco de ficar na rúa nos vindeiros días. “O Goberno de Caballero dixo publicamente que o Concello asumiría o seu realoxo polo tempo que fora necesario, pero a realidade é que varias destas familias xa foron informadas polos servizos sociais municipais de que a partir do 3 de novembro non se farán cargo do seu aloxamento”, explicou.

“Nesta cidade de ascensores millonarios e grandes proxectos como o Vigo Arena non podemos seguir permitindo que haxa moitos veciños e veciñas que teñen que malvivir en vivendas que non están en condicións”, enfatizou.

No mesmo sentido, Igrexas cargou contra o anuncio realizado onte pola Delegada Territorial da Xunta, Ana Ortiz, de que a administración galega ofrece financiamento para asumir os custos dos alugueiros das persoas afectadas. “O que lle preguntamos á señora Ortiz e á señora Fernández-Tapias [portavoz municipal do PP de Vigo] é que alugueiros van poder conseguir familias en situación de vulnerabilidade social, nun momento no que en Vigo os prezos son imposíbeis e as condicións que se esixen para formalizar un contrato son inalcanzábeis para moitas destas familias”.

Desde a fronte nacionalista reclaman tamén que Xunta e Concello abandonen a confrontación partidista arredor desta situación e cooperen, non exercicio das súas competencias, para atender as necesidades familias desaloxadas. No concreto, demandan na súa moción que o Goberno municipal poña en marcha unha Axencia de Local de Vivenda Protexida e Social para facilitar o acceso á vivenda desde a promoción pública e cooperativa, na que se inclúa unha bolsa de vivendas destinadas a ofrecer alternativas habitacionais dignas e estábeis a persoas e familias en situación de vulnerabilidade. Da Xunta de Galiza, esixirán que exerza as súas competencias tanto no que ten a ver coa promoción de vivenda protexida como para a atención integral das situacións  de vulnerabilidade e exclusión social. “Por se o Partido Popular non o sabe, as 300 mil viguesas e vigueses somos 300 mil galegas e galegos e merecemos que a Xunta deixe de porse de perfil e atenda as necesidades da maior cidade do noso País”.

Infravivendas

A existencia en Vigo de numerosos edificios de vivendas que non reúnen as mínimas condicións  de habitabilidade e seguridade non é un feito “nin sorpresivo nin descoñecido”. Moi ao contrario, desde o BNG denuncian que nalgúns casos, como o dos edificios desaloxados na rúa Fisterra había expedientes urbanísticos abertos desde o ano 2015. “A pregunta que nos facemos é: que fixo o Goberno municipal desde 2015 sabendo como sabía da situación deses inmóbeis”, interpelou Igrexas, que criticou a abordaxe “burocrática e para cubrir expediente” despregada desde a Xerencia Municipal de Urbanismo.

Na moción instarán a que se reforcen as actuacións dos diferentes servizos municipais, nomeadamente Urbanismo, para identificar e adoptar medidas para garantir a seguridade e habitabilidade das vivendas na cidade, con medidas de apoio social ás persoas afectadas.

Seguridade

Outro dos aspectos abordados na moción nacionalista é a esixencia de dotar ao servizo de bombeiros do persoal necesario para garantir a seguridade. “O que nos volveu demostrar o tráxico incendio de Afonso X é que Vigo sen bombeiros non é segura”, proclamou o portavoz municipal do BNG.

Igrexas volveu criticar con dureza que a concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, mentise “deliberada e escandalosamente á cidade e lle faltase o respeito ás viguesas e vigueses en xeral, e ás vítimas e as súas familias en particular, o propio día do incendio”, cando asegurou descoñecer o número de efectivos operativos nesa xornada e ao tentar negar as “rotundas verdades” expresadas polos bombeiros sobre o operativo. Por este motivo, un dos acordos que se propoñen na moción é instar ao Alcalde a cesar a Rodríguez Calviño no seu cargo. “Non pode permanecer un día máis no cargo alguén que minte en algo tan grave e que nada ten feito para resolver o problema da falla de bombeiros”.

Deja una respuesta

Hide picture