- A fronte nacionalista chama a despregar medidas de apoio e atención para as mulleres prostituídas, actuacións en contra do proxenetismo e do consumo de prostitución e campañas de sensibilización e concienciación
Ana Martínez: “Todas as administracións, incluído o Concello de Vigo, teñen que traballar con firmeza para a erradicación da explotación sexual na nosa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego demanda elaborar unha Estratexia Local para a Abolición da Prostitución en Vigo. A fronte nacionalista chama a despregar medidas de apoio e atención para as mulleres prostituídas, actuacións en contra do proxenetismo e do consumo de prostitución e campañas de sensibilización e concienciación no camiño de erradicar a explotación sexual na cidade.
“Non abonda con discursos, cómpren feitos para abolir a prostitución como unha das moitas formas de violencia contra as mulleres que impón o patriarcado”, reivindicou a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, con motivo do recente Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres.
Martínez chamou a retomar o camiño iniciado por impulso do BNG dende a concellaría de Igualdade que, no ano 2010, logrou o acordo unánime do Pleno municipal para a posta en marcha de medidas fronte esta “realidade cruel e inxusta”. Entre elas, destacou a prohibición de exhibir publicidade de prostíbulos en ningún soporte baixo competencia do Concello. “Pero 14 anos despois hai que dar moitos máis pasos”, reclamou.
A concelleira nacionalista avanzou que o Bloque trasladará estas demandas no vindeiro Pleno municipal, convocado para o próximo luns, e no Consello Municipal da Muller, reiterando o solicitado xa o pasado mes de xullo na Comisión Informativa de Igualdade. Estratexia Local para a Abolición da Prostitución que, advertiu, debe contar coa máxima participación do tecido feminista para a súa elaboración.
O plan de accións proposto polo BNG inclúe en primeiro lugar medidas de atención e apoio económico, laboral, social e psicolóxico destinadas ás mulleres prostituídas. Mais tamén incrementar as actuacións en contra do proxenetismo e do consumo de prostitución na cidade, así como desenvolvendo campañas de sensibilización e concienciación. “Todas as administracións, incluído o Concello de Vigo, teñen que traballar con firmeza para a erradicación da explotación sexual na nosa cidade”, remachou Martínez.