Vigo, Galicia
Vigo

El BNG califica de “chapuza y dedazo” el arranque de la programación del VigoCultura

Critican que a día de hoxe a web oficial do programa segue inactiva e non é posíbel a compra nin dos abonos de tempada nin a anticipada de entradas

A fronte nacionalista denuncia o procedemento opaco e arbitrario para definir os espectáculos e compañías que se incorporaron na programación dos vindeiros tres meses

Xabier P. Igrexas: “Falamos de algo tan grave como que a decisión sobre a programación cultural do Concello da maior cidade galega a tome persoalmente o concelleiro, como se estivese comprando por catálogo”

Coincidindo co inicio da programación de VigoCultura para os vindeiros tres meses, desde o Bloque Nacionalista Galego lamentan o seu arranque dentro, do que cualifican, como unha verdadeira “chapuza e un dedazo” por parte da Concellaría de Cultura.

Un “desastre de xestión” que para o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas fica evidenciado no feito de que a día de hoxe a páxina web oficial do programa VigoCultura (www.vigocultura.org) non estea activa e que tampouco se permita a compra dos abonos de tempada nin a compra anticipada de entradas para os primeiros espectáculos.

Igrexas tamén cuestionou con dureza o procedemento seguido para a configuración da programación. “Sen desmerecer a calidade artística dos eventos seleccionados si que temos que denunciar o procedemento lamentábel co que se configurou a programación, cunha convocatoria apresurada e case clandestina por falla de publicidade (que non foi anunciada nin na web do Concello nin no BOPPO), e no que ao final a decisión sobre que espectáculos se van celebrar no auditorio municipal foi tomada por dúas persoas: o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e o xefe de servizo.” Para o nacionalista “cualificar iso de ‘comisión de valoración’ é un insulto a intelixencia, porque o que fixeron é o máis parecido a unha decisión por dedazo”. “É o dedo do concelleiro quen decide que compañías actúan e cales non. Supoñemos que por iso o expediente municipal non incorporaba ningún informe xurídico, porque non se pode avalar un procedemento tan discrecional e arbitrario”, acrecentou.

As críticas do nacionalista enfatizan o alcance desta maneira de actuar sinalando que “falamos de algo tan grave como que a decisión sobre a programación cultural do Concello da maior cidade galega a tome persoalmente o concelleiro, como se estivese comprando por catálogo, sen ningún tipo de baremación obxectiva e sen indicadores claros para avaliar”. Para Igrexas esta é unha nova demostración dunha “xestión desastrosa que volve demostrar o profundo desprezo pola cultura dun Goberno municipal que pola súa nefasta xestión logrou que a cidade Vigo quedase por vez primeira fora da Rede Platea, do Ministerio de Cultura, e tamén da Rede Galega de Teatros e Auditorios deixando precisamente o programa VigoCultura nunha situación absolutamente límite”

A fronte nacionalista esixe a fin desta política que só fixo avanzar a desertización cultural da cidade. Defenden que cómpre que o deseño das programacións se faga con rigor, con profesionalidade, en base a criterios claros e que aposte por unha oferta máis ampla, variada, de calidade, innovadora, que poña en valor a enorme potencia cultural das creadoras galegas e coa ambición de facer que Vigo volvamos ser un grande referente cultural en Galiza.

Deja una respuesta