— A Atención primaria viguesa conta 89 profesionais de enfermaría familiar e comunitaria nos diferentes centros de saúde, e con 24 residentes realizando a especialidade
— O obxecto é prestar unha asistencia sanitaria proactiva centrada na educación sanitaria, na prevención da enfermidade e na promoción da saúde coa participación da cidadanía
— No consultorio de Valeixe organizouse un obradoiro de memoria dirixido a un grupo de pacientes, e no hospital Álvaro Cunqueiro instalouse unha Mesa Informativa
.- A Área Sanitaria de Vigo sumouse á celebración do Día Internacional da Enfermería Comunitaria coa realización de varias actividades dirixidas á poboación, tanto nos centros de saúde como no hospital Álvaro Cunqueiro, co obxecto de dar a coñecer as funcións e capacidades destes profesionais de enfermaría con formación especializada.
Con esta xornada trátase de visibilizar a importancia da enfermería comunitaria dentro do sistema sanitario, destacando a súa contribución á mellora da saúde e a calidade de vida da poboación, mediante unha atención próxima, integral e adaptada ás necesidades de cada comunidade.
Así, no Hospital Álvaro Cunqueiro instalouse unha Mesa Informativa á que achegouse o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; mentres que nos centros de saúde, as residentes de Enfermería Familiar e Comunitaria desenvolveron diferentes actividades comunitarias, co propósito de fomentar hábitos de vida saudables, promover o autocoidado e reforzar a participación da poboación no coidado da súa saúde. Neste contexto, no consultorio de Valeixe, a enfermeira especialista, Fátima Dios, organizou un obradoiro de memoria dirixido a un grupo de pacientes. Esta actividade contou coa presenza da directora de Enfermería, Rosa Morais.
89 profesionais de enfermería familiar e comunitaria
A Área Sanitaria de Vigo conta con 89 profesionais especializados en Enfermería Familiar e Comunitaria.
A Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria de Vigo coordina a formación de 24 residentes, distribuídas en dúas promocións de 12 residentes por ano de formación. Durante os dous anos de residencia, estas profesionais adquiren as competencias necesarias para proporcionar coidados especializados ás persoas, familias e comunidades ao longo de todas as etapas da vida.
Seguimento de pacientes crónicos e actividades grupais
O obxecto desta profesionais é prestar unha asistencia sanitaria proactiva centrada na educación sanitaria, na prevención da enfermidade e na promoción da saúde coa participación da cidadanía.
Así, a atención comunitaria orientase cara á detección e priorización das necesidades e problemas de saúde, identificando os recursos comunitarios dispoñibles, priorizando as intervencións e elaborando programas orientados a mellorar a saúde da comunidade, en coordinación con outros dispositivos sociais e educativos. De xeito proactivo a atención comunitaria busca adiantarse á enfermidade, de forma que a prevención e detección precoz permitan que as persoas tarden máis en converterse en pacientes. Para aqueles que xa son pacientes crónicos esta anticipación evita, na medida do posible, descompensacións das súas patoloxías de base.
Nesta liña, os profesionais de enfermaría especializada realizan un seguimento proactivo e continuado dos pacientes crónicos (con obesidade, hipertensión arterial, diabetes…) para manter as súas enfermidades baixo control. Ademais, desenvolven actividades preventivas e de promoción da saúde grupais, a través de diferentes obradoiros e sesións informativa para informarlles de temas relacionados cos hábitos de vida saudables como a identificación das condutas aditivas (tabaco, alcohol…), a importancia dunha dieta san ou do exercicio físico, etcétera.
En definitiva, estas actividades comunitarias realizadas nun determinado territorio coa participación da súa poboación, promoven a mellora no estado de saúde da mesma, incrementan a súa calidade de vida e o seu benestar.
