— A campaña da Semana do Uso Prudente dos Antibióticos, baixo o lema «Menos espectro, máis precisión», promove a elección de antibióticos de menor espectro sempre que sexan adecuados para tratar as infeccións
— A iniciativa céntrase nas infeccións respiratorias, urinarias e de pel e partes brandas, as máis frecuentes tanto en atención primaria como no ámbito hospitalario
A Área Sanitaria de Vigo súmase á conmemoración do Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos e á Semana Mundial de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos, que se celebra esta semana, cunha campaña centrada na mellora da precisión dos tratamentos antibióticos.
Baixo o lema «Menos espectro, máis precisión», a iniciativa busca reforzar o uso responsable destes medicamentos, promovendo a elección do antibiótico máis axeitado para cada infección e priorizando os de espectro máis reducido cando estean indicados. O obxectivo é contribuír a frear a aparición e propagación de bacterias resistentes e preservar a eficacia dos antibióticos dispoñibles.
Avances no uso prudente dos antibióticos na Área Sanitaria de Vigo
A Área Sanitaria de Vigo leva anos traballando na mellora da prescrición e do consumo de antibióticos, en liña coas recomendacións dos organismos sanitarios internacionais.
En Atención Primaria, nos últimos anos incrementouse o consumo de antibióticos de espectro reducido, sendo a área sanitaria de Galicia cun maior uso destes antibióticos. Ademais, continúa sendo a área cun menor consumo de antibióticos de amplo espectro como fluoroquinolonas e cefalosporinas de 3ª xeración; unha evolución que apunta cara a unha selección máis precisa dos tratamentos cando a situación clínica permite utilizar un antibiótico de espectro máis reducido.
Segundo afirma a subdirectora de Prestación Farmacéutica da Área Sanitaria de Vigo, Isabel Rey “debemos seguir nesa liña, fomentando, da man dos servizos de Medicina Preventiva, a prevención da transmisión de bacterias e a mellora do uso dos antimicrobianos, reservando aqueles de maior espectro para aquelas situacións nas que realmente sexan necesarios. Ademais de seleccionar o antibiótico máis axeitado, resulta fundamental evitar os tratamentos innecesarios e as duracións excesivas”.
Máis precisión nas infeccións máis frecuentes
Nesta edición, a campaña fará especial fincapé na mellora da selección dos tratamentos para tres grandes grupos de infeccións: as respiratorias, as urinarias e as da pel e partes brandas. Son procesos frecuentes tanto nas consultas de atención primaria como nos servizos hospitalarios e representan unha oportunidade importante para avanzar cara a unha prescrición máis axeitada.
Para cada un destes grupos de infeccións promoveranse recomendacións terapéuticas seguindo as recomendacións da OMS e recollidas na Guía terapéutica da Área Sanitaria.
A elección do tratamento deberá ter en conta a sospeita diagnóstica, a gravidade da infección, os microorganismos máis probables, os patróns locais de resistencia e, cando proceda, os resultados das probas microbiolóxicas. A prioridade non é empregar sempre o antibiótico de menor espectro, senón escoller o máis preciso e eficaz para cada caso.
A Área Sanitaria de Vigo continuará, así, traballando na formación e sensibilización dos profesionais e na promoción de boas prácticas de prescrición, co propósito de mellorar a calidade asistencial e contribuír á loita contra a resistencia aos antibióticos. “O uso prudente dos antibióticos é unha responsabilidade compartida e unha ferramenta esencial para garantir que estes medicamentos sigan sendo eficaces no futuro”, conclúe Isabel Rey

