Vigo, Galicia
Galicia Vigo

El Álvaro Cunqueiro contará con una nueva unidad de intervencionismo y endoscopia avanzada del aparato digestivo

A Xunta de Galicia acaba de publicar o anuncio da contratación dos novos equipos tecnolóxicos, cun investimento de máis de 1 millón de euros

O servizo do Aparello Dixestivo disporá dunha nova sala dotada coa tecnoloxía máis avanzada para integrar toda a actividade da Unidade de endoscopias

Con esta contratación vanse adquirir 2 torres de Endoscopias, 4 tubos de Ecoendoscopios, 2 Colonnoscopios, 2 Gastroscopios e 2 Ecógrafos de altas prestacións.

Será unha Unidade do máximo nivel, tanto estrutural como tecnolóxico, que se converterá nun referente nacional nas técnicas endoscópicas

O servizo do Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Vigo contará cunha nova Unidade de Intervencionismo e Endoscopia Avanzada no hospital Álvaro Cunqueiro. A Consellería de Sanidade ven de publicar o anuncio de contratación para o subministro do equipamento electromédico e mobiliario clínico por un importe de 1.039.027 euros.

O obxectivo desta nova Sala é integrar a totalidade da actividade da Unidade de Endoscopias nun único dispositivo asistencial. Segundo explica o xefe do servizo do Aparello Dixestivo, Ignacio Rodriguez Prada, “trátase de centralizar nunha única estrutura todos os procedementos endoscópicos, xa que ata agora, algúns dos que presentan maior complexidade ou que precisan de apoio de anestesia teñen que ser realizados en quirófano ou na mesma área de radioloxía. A nova sala e os novos equipos tecnolóxicos permitirán realizar todos eses procedementos avanzados e complexos na mesma Unidade” .

A Unidade emprazarase na área actual dos gabinetes de Dixestivo, na planta -1 do hospital. Para isto vaise realizar unha obra de adaptación funcional nunha das salas actuais, de xeito que o novo recurso sanitario estará plenamente operativo ao longo do vindeiro ano.

En canto ao equipamento, neste primeira contratación a Xunta de Galicia vai adquirir 2 torres de Endoscopia e 4 tubos de Ecoendoscopios; 2 Colonnoscopios; 2 Gastroscopios e 2 Ecógrafos de altas prestacións, ademais doutro material complementario. “Trátase dun equipamento de última xeración, o mellor que actualmente existe no mercado”, afirma o doutor Rodriguez Prada.

Incremento da actividade

Hoxe en día, a vertente terapéutica da endoscopia ten acadado un elevado desenvolvemento, realizando intervencións minimamente invasivas que ata hai pouco requirían cirurxía. A realización destas técnicas endoscópicas complexas substitúen ás cirurxías máis invasivas, presentando múltiples vantaxes para os pacientes xa que diminúe os riscos e as estancias hospitalarias.

“No momento actual realizamos uns 18.000 procedementos endoscópicos anuais, e coa nova dotación calculamos incrementar a nosa actividade aproximadamente nun 20 ou 30%, xa que

disporemos de máis medios e dos mellores recursos para traballar dun xeito máis eficiente; ao mesmo tempo se liberarán outros recursos hospitalarios tan importantes como os quirófanos e salas de raios, que os dixestivos deixaremos de utilizar, e se poderán dedicar á atención doutros pacientes”.

Así, a nova sala estará especialmente dedicada aos procedementos que precisen apoio radiolóxico (endoscopia biliar, próteses, dilatacións…); apoio de anestesia (endoscopia biliar) e aqueles de endoscopia avanzada terapéutica, como extraccións de tumores ou de pólipos complexos que ata hai pouco tempo precisaban tratamento cirúrxico.

Precisamente a endoscopia biliar -técnica mixta que pola súa complexidade precisa de endoscopia, radioloxía e anestesia- será un dos tratamentos que maiores cotas de calidade e eficiencia acadará cando sexa realizada na nova Unidade.

Unidade do máximo nivel

“No novo dispositivo sanitario poderemos realizar calquera procedemento endoscópico avanzado, diagnóstico e terapéutico, xa que disporemos dos medios técnicos e recursos humanos necesarios. Sen dúbida, tratase dunha sala do máximo nivel, tanto estrutural como tecnolóxico, que será un referente nacional a nivel asistencial”, asegura o xefe do servizo.

5,7 millóns para melloras nos hospitais públicos de Vigo

Este contrato forma parte dos 5,7 millóns de euros de investimento en melloras nos hospitais públicos de Vigo que foron comprometidos pola Xunta de Galicia na reunión do Consello celebrada nesta cidade en abril de 2022.

Este investimento inclúe seis obras de reforma no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, tres delas xa en execución por importe de preto de 2 millóns de euros (o novo hospital de saúde mental infanto-xuvenil, a nova unidade de enfermidades raras e a renovada área de necropsias de anatomía patolóxica) así como outras tres cos proxectos arquitectónicos xa adxudicados e cuxa se obra se licitará proximamente (o novo espazo da unidade de Hospitalización a Domicilio, a nova área de rehabilitación cardíaca e o hospital de día de procesos médicos).

Este contrato inicia a segunda parte do investimento, destinada a equipamentos, que continuará coa contratación dos equipos necesarios para o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial que se instalará no Meixoeiro e aparataxe para outros servizos como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica ou un equipo de urodinamia para o Servizo de Uroloxía.

Deja una respuesta

Hide picture