- Afirma que o seu programa non inclúe propostas “aventuradas” nin “solucións fáciles e milagrosas a problemas complexos” senón medidas realistas, serias e cunha viabilidade económica respaldada
- Aposta claramente pola potencialidade da Eurorrexión e lamenta a falta de implicación do Goberno de España en infraestruturas clave como son o Corredor Atlántico e a conexión por Alta Velocidade con Portugal
O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, explicou hoxe ante representantes do empresariado galego os principios nos que se sustenta o seu programa electoral e, partindo da “seriedade e o realismo”, apostou claramente pola estabilidade, o inconformismo e a internacionalización.
“Preséntome para obter unha maioría que me permita gobernar, non me vale nin quero calquera outra cousa”, quixo deixar claro para remarcar así a importancia de que Galicia poida contar cun Goberno respaldado por unha maioría suficiente que lle permita executar o seu programa “sen ter que contemporizar nin perder o tempo en outra cousa que non sexa gobernar”.
Rueda afirmou que o seu programa non inclúe propostas “aventuradas” ou que dependan doutras Administracións, así como tampouco “solucións fáciles e milagrosas a problemas complexos”. As súas son, pola contra, medidas realistas, serias, cunha viabilidade económica respaldada e baseadas nunha serie de principios que debullou ao longo da súa intervención.
O primeiro deles é o convencemento de que para que a economía funcione, hai que ofrecer facilidades a quen realmente move a economía: as empresas, desde as máis grandes ata os autónomos. E esas facilidades consisten basicamente, segundo o presidente, en “ofrecer seguridade, non poñer obstáculos e ser máis eficientes na tramitación administrativa”.
Tamén hai que ter ambición e inconformismo á hora de marcarse obxectivos, tendo claro que “sempre hai que mellorar e nunca estancarse” e buscando o máximo aproveitamento das oportunidades que se presenten. De feito, insistiu na súa ambición por aproveitar ao máximo a gran potencialidade xeográfica de Galicia á hora de desenvolver as enerxías renovables.
“Non podemos guiarnos polos obstáculos baseados en cuestións ideolóxicas, nin renunciar ao aproveitamento de recursos como a enerxía solar ou eólica. Porque dicir que ‘non’ a isto é permitir que estas oportunidades se vaian a outros lugares e que sexan outros os que se aproveiten dos seus beneficios”, remarcou.
Puxo como exemplo negativo neste sentido o que está acontecendo coa xestión dos fondos Next Generation por parte do Goberno central: “Pasa o tempo, os Pertes seguen como estaban e os proxectos tractores continúan agardando os 25.000 millóns de euros que aínda non se convocaron”. Unha situación que contrapuxo ao que acontece cos fondos que xestiona o Goberno galego: “O 90% dos fondos executados pola Xunta están xa adxudicados, mentres que os Pertes industriais que dependen do Goberno central están a un 35%.
Por último, trasladou aos presentes a súa “obsesión” pola internacionalización “nun sentido amplo” e baseada na necesidade de “traballar en rede e solucionar en conxunto”, apostando claramente pola oportunidade que supón a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e por infraestruturas como o Corredor Atlántico e a Alta Velocidade.
No que se refire ao Corredor Atlántico, lamentou que seu comisionado aínda non mostrase interese por reunirse co Goberno galego e que aínda non exista un Plan Director, en claro contraste co impulso que se lle está dando desde o Goberno central ao Corredor Mediterráneo. E no que respecta á conexión por Alta Velocidade, volveu contrapoñer a clara aposta do Goberno luso por esta infraestrutura co feito de que “o Goberno de España non movese nin un euro” por ela.
Alfonso Rueda rematou a súa intervención en clave política, parafraseando a afirmación de Alberto Núñez Feijóo de que “mellor lle iría á política de España se se parecese máis á de Galicia”. E neste sentido concluíu: “A Galicia lle iría moito peor se a política que estamos vendo agora en España se trasladase aquí”.