- A fronte nacionalista denuncia que a Mancomunidade da Área Intermunicipal, que celebrou este mércores un Pleno case clandestino, está en «situación de coma profundo» sen ningún servizo mancomunado en 32 anos de existencia
Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo non pasa por seguir con ese hiperlocalismo cutre, senón por exercer como maior cidade galega liderando a nosa realidade metropolitana”
O Bloque Nacionalista Galego reivindica a súa aposta pola cooperación e a vertebración metropolitana de Vigo fronte ao boicot do PP e a impotencia do PSOE. Así quedou en evidencia, a xuízo da fronte nacionalista, durante o Pleno da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV) celebrado este mércores no que os populares se volveron ausentar e os socialistas, por boca do alcalde e presidente Abel Caballero, chamaron á disolución do ente.
“PSOE e PP están encantados coa situación de bloqueo a nivel metropolitano”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurando que a Mancomunidade, que agrupa oito concellos da área viguesa, está en «situación de coma profundo» sen prestar ningún servizo mancomunado en 32 anos de existencia.
Nese sentido, Igrexas afeou que o Pleno da MAIV se celebrase de maneira case clandestina, ao non ser publicada a convocatoria nin a orde do día no portal oficial do organismo. “Resulta máis preocupante do que nunca a situación da Mancomunidade, que naceu en 1992 como primeiro xermolo da futura Área Metropolitana, formalmente constituído en 2016 pero que nunca chegou a entrar en funcionamento”, advertiu.
O portavoz municipal do Bloque reiterou a este respecto o “disparate” que supón que Vigo, como capital da súa área e que preside a Mancomunidade, continúe fóra da rede de transporte metropolitano. “Unha situación que Abel Caballero volveu deixar moi claro no Pleno que non quere resolver”, revelou Igrexas.
Fronte a este contexto, o BNG apostou como obxectivo “estratéxico e irrenunciábel” no impulso da Área Metropolitana de Vigo e da Mancomunidade para que “deixe de ser unha casca baleira”, converténdose nun instrumento útil para a veciñanza mediante a cooperación e a prestación mancomunada de mellores servizos públicos.
Un café con leite por habitante
Dende a fronte nacionalista criticaron que a MAIV presidida por Abel Caballero “non pase de ser un logotipo” que custa cada ano 175 mil euros ás viguesas e viguesas, mais cuxa única actividade se reduce a uns escasos programados subvencionados para a promoción do emprego. Unha situación de parálise do ente que queda evidencia pola falla de execución do seu orzamento, do 79% fronte ao 91% do ano 2019.
Así, a Mancomunidade gastou en todo o ano pasado 1,5 euros por habitante dos oito concellos que a integran, o equivalente a un café con leite”, exemplificou Igrexas, alertando de que o ente acumula case 2 millóns de euros en remanentes (un 13,7% máis no último lustro). “Caballero non explicou que ten previsto facer para evitar que, por causa da inminente reactivación das regras fiscais, estes fondos queden bloqueados”, lamentou.
Sobre as previsións para os vindeiros anos, o BNG cuestionou que as liñas orzamentarias trasladadas no Pleno se limitaran a “unha actualización burocrática” que evidencia que non existe a máis mínima intención de dotar a MAIV dunha maior actividade. “Os proxectos de orzamentos de Caballero para a Mancomunidade poden resumirse en tres palabras: máis do mesmo”, valorou Igrexas.
Caballero aposta pola disolución
Dende a fronte nacionalista advertiron que a resposta de Abel Caballero, cuestionado por esta parálise da Mancomunidade, foi suxerir literalmente a súa disolución. Pola súa parte, os representantes do PP decidiron ausentarse outra vez da sesión plenaria nunha “nova demostración do seu boicot ao desenvolvemento metropolitano de Vigo”.
Diante desta situación, o Bloque reiterou o seu compromiso pola vertebración metropolitana da área de Vigo. “O futuro da nosa cidade non pasa por seguir mirándose o embigo, con ese hiperlocalismo cutre e limitante, senón por exercer como maior cidade galega, liderando a nosa realidade metropolitana desde o diálogo, a cooperación e tecendo sinerxías co resto de concellos, para nos converter nun grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e no motor de todo un País”, remachou o portavoz municipal nacionalista.