Vigo, Galicia
General Portada

A XUNTA E O PORTO DE VIGO COLABORAN PARA IMPULSAR A REACTIVACIÓN ECONÓMICA E OPTAR AOS FONDOS EUROPEOS NEXT GENERATION

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña
  • Conde subliña que os fondos europeos poden contribuír a adaptar as infraestruturas portuarias aos obxectivos de crecemento sustentable, xerando valor económico, social e ambiental
  •  Apunta que vai ser clave mellorar a capacidade loxística e a intermodalidade marítimo-terrestre do porto a través do Corredor Atlántico, polo que é indispensable que o Goberno priorice esta infraestrutura coa construción da saída sur que permitiría mellorar as conexións con Portugal e levar o tren ata Bouzas

20210125CondePortoVigo2

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, no que ambos subliñaron a necesidade de traballar man a man para impulsar a reactivación económica desde o diálogo e a colaboración, detectando novas oportunidades, sinalando que o porto vigués “está chamado a ser un protagonista principal”.

A xuntanza celebrada en Vigo forma parte da rolda de contactos do Goberno galego cos axentes económicos e sociais para identificar conxuntamente proxectos que Galicia poida presentar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Neste eido, Conde puxo o foco na transformación dixital e nas enerxías renovables, ámbitos nos que o Porto de Vigo leva tempo traballando, dando resposta ás necesidades das empresas usuarias que abranguen sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, a pesca, a construción e a reparación naval, a pedra natural e o sector de cruceiros, entre outros.

O vicepresidente económico resaltou que os fondos europeos poden supoñer un verdadeiro revulsivo para adaptar de forma máis rápida as infraestruturas portuarias aos obxectivos de crecemento sustentable, contribuíndo a que os portos sigan xerando valor económico, social e ambiental. Neste sentido, indicou que o Porto de Vigo ten ante si unha dobre oportunidade para escalar na súa estratexia de situarse á cabeza dos portos azuis españois e europeos e contribuír ao desenvolvemento económico e industrial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Conde, que subliñou que o porto vigués é un importante motor económico, apuntou que vai ser clave mellorar a capacidade loxística e a intermodalidade marítimo-terrestre do porto a través do Corredor Atlántico, polo que é indispensable que o Goberno priorice esta infraestrutura en Galicia coa construción da saída sur que

permitiría mellorar as conexións con Portugal e levar o tren ata Bouzas. Ademais, apuntou que a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan) pode resultar tamén fundamental nesta estratexia, destacando a iniciativa que está a desenvolver Albo.

O vicepresidente económico fixo fincapé en que Xunta e Porto de Vigo “compartimos unha mesma visión, o reto de facer fronte á pandemia sanitaria e tamén o reto de facer fronte á reactivación económica, e para iso necesitamos seguir traballando sobre o fundamento do diálogo e da cooperación, e de identificar todas as oportunidades que nos permitan dar esa resposta ao tecido produtivo”.

Deja una respuesta