Impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións, o proxecto súmase ás máis de 3.000 actividades programadas xa para este verán no marco do Xacobeo 21-22 co obxectivo de reactivar o sector cultura
O novo ciclo Comicamente, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta, chega este venres a Vigo con Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco e Luis Piedrahita. Os mologuistas estarán acompañados de Lucía Veiga como mestra de cerimonias e da música en directo da disc-jóckey hispano cubana Toccororo. A explanada da ETEA acollerá as actuacións, con dous pases que terán lugar ás 19,00 e ás 22,00 horas. As entradas para este último están xa esgotadas, pero aínda se poden adquirir para o primeiro a través de comicamente.gal e de ataquilla.com.
O obxectivo é levar o humor galego a 12 concellos da Comunidade ata mediados de setembro. O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha pola Xunta co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.
Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Luis Piedrahita, xunto a Lucía Veiga, lideran o ciclo, que conta coa participación doutros referentes do humor galego, como David Amor, Oswaldo Digón, Marta Doviro, Marita Martínez, Carmen Méndez, David Perdomo, Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Pepo Suevos.
Comicamente arrincou a pasada fin de semana no Carballiño e ademais de a Vigo, chegará a Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Ourense, Mondoñedo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Lalín. A estas localidades confirmadas sumaráselle unha máis, aínda por determinar. Todos os espectáculos serán en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena.
Así, o sábado 7 será a quenda de Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Marta Doviro, que estarán no Parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa. Pola súa banda, o vindeiro 13 de agosto, Marita Martínez, David Perdomo e Xosé A. Touriñán actuarán na Praza Fonte Ramos de Sanxenxo.