Vigo, Galicia
Galicia Política Vigo

Xabier P. Igrexas: “Vigo tiene que liderar desde la cooperación”

Fronte a confrontación de PP-PSOE, destaca a política “responsable e de cooperación” do Bloque para impulsar a área metropolitana de Vigo e mellorar a vida de 540.000 persoas

Presentación dun decálogo de prioridades para desbloquear a área metropolitana en ámbitos como a mobilidade, economía ou infraestruturas

Pontón: “Queremos estender o modelo municipal do BNG por toda Galiza”

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou o primeiro día de campaña cun acto con candidatos e candidatas dos catorce concellos que integran a área metropolitana de Vigo, hoxe paralizada pola confrontación entre PP e PSOE, facendo perder oportunidades a unha entidade urbana que suma preto de 540.000 habitantes.

Pontón reclamou o desbloqueo desta área e acusou ao PP e ao PSOE de antepoñer “os seus intereses partidistas” por riba das “oportunidades de progreso e de futuro” que este instrumento ofrece para Vigo e a súa área metropolitana, enfatizou, enfrontamentos partidistas “que pagan a cidadanía e todos e cada un dos concellos”.

Fronte “a inútil confrontación” que ofrece o bipartidismo, a portavoz nacional emprazou a reactivar a área metropolitana mediante “a política responsable e comprometida” do BNG, un modelo de goberno “feito desde a cooperación, sumando esforzos desde todos os ámbitos, tamén desde os concellos”, sinalou.

É por iso que o BNG presentou neste acto un decálogo con dez eixos de actuación para impulsar o a área metropolitana, comezando polo “aspecto clave da mobilidade”, remarcou, con propostas como a creación dun Consorcio de Transporte Intermodal cunha tarxeta única de bus, tren e transporte marítimo da Ría “para facilitar a mobilidade desas 540.000 persoas no seu cada día. Mellorar o acceso aos centros administrativos, educativos ou sanitarios”, incidiu.

“É fundamental mellorar o transporte ferroviario, porque é o futuro”, declarou Pontón, que marcou como reto “priorizar o tren de media distancia e implantar o de proximidade na área metropolitana,” xunto coa mellora da conexión coa cidade de Porto vía alta velocidade. Ademais do tren, puxo o foco nunha rede viaria apostando por deixar libres de peaxes a AG-57 e a AP-9, xunto coa mellora co trazado da A-55.

En relación cos eidos económico, industrial e tecnolóxico a líder do BNG salientou “a evidente importancia do potencial económico da área metropolitana”. Neste sentido, o BNG propón o desenvolvemento efectivo da PLISAN, a posta en marcha dun centro metropolitano de I+D+I, activar dunha vez o Campus do Mar da UVigo e unha moratoria ás grandes superficies. Dentro deste impulso económico, o decálogo tamén recolle un plan estratéxico “para potenciar Vigo como porto de entrada de mercadorías por mar, o que pasa, loxicamente por unha axeitada conexión ferroviaria”, resaltou.

A ría de Vigo é outro dos retos, sinalou a portavoz nacional, sobre todo no que se refire ao necesario saneamento, “cunha aposta pola actuación conxunta de dinamización e promoción turística da Ría”.

Reverter os recortes en sanidade

Outros dos eixos esenciais para o desenvolvemento de Vigo e a súa contorna, enunciou a portavoz nacional, “é poñer fin aos recortes e privatizacións do Goberno do PP na área sanitaria de Vigo, incluíndo a súa atención primaria”. No ámbito educativo, o Bloque aposta por mellorar a oferta educativa en todos os niveis educativos, “en especial na FP”.“No ámbito urbanístico propoñemos a cooperación para desenvolver modelos urbanos que aposten pola habitabilidade”, argumentou Pontón, o que pasa pola democratización do espazo público cunha preferencia pola mobilidade peonil e o transporte público.

A xestión da auga e a xestión dos residuos municipais tamén se inclúen no decálogo,  recollendo a necesidade “dunha proposta conxunta entre todas as administracións para garantir o subministro de auga potable e a modernización da rede de distribución”. No relacionado cos residuos, é necesario un modelo alternativo a SOGAMA, impulsando desde os concellos o tratamento de proximidade dos bio residuos para a compostaxe.

Unha tarefa, a da reciclaxe e o tratamento de residuos, que non se entende sen a  protección da biodiversidade e valorización dos montes galegos, despregando, neste caso, “unha estratexia conxunta para a protección e xestión multifuncional dos montes e a prevención de incendios”, emprazou a portavoz nacional.

Hiperlocalismo limitante

O candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a importancia “estratéxica” que para a cidade ten avanzar na realidade metropolitana. “A realidade urbana de Vigo non acaba nos límites xeográficos da cidade, temos profundas ligazóns sociais, económicas e históricas con toda a nosa contorna que foron e son fundamentais para construírmos o que somos”, explicou.

Igrexas avogou por poñer fin ao actual “hiperlocalismo cutre e limitante”, afirmando que “o futuro da Vigo non pasa por mirarse o embigo, senón por exercer como maior cidade galega, coa vocación de ser motor de todo un País”.

Para o candidato nacionalista un Vigo con futuro “non pode ser unha cidade amurallada, enfrontada con todos por todo”. Defendeu nese sentido que o papel da cidade sexa o de “liderar desde a cooperación e o diálogo, apostando en tecer sinerxías e sumar esforzos para facer da área metropolitana un grande polo de desenvolvemento para o conxunto de Galiza”.

A portavoz nacional do BNG mantivo un encontro cos candidatos e dos concellos da área metropolitana, ademais de Igrexas, a candidata á Alcaldía de Gondomar, Manuela R. Pumar; Redondela, Xoán Carlos González Campo; Porriño, Pedro Pereira; Nigrán, Xavier Rodríguez; Baiona, Iago Pereira; Salvaterra de Miño, Patricia Mariño; Fornelos de Montes, Mila Casal; Mos, Gustavo Barcia; Salceda de Caselas, Salustiano Guerra; Cangas, Araceli Gestido; Moaña, Leticia Santos; Pazos de Borbén, Xurxo Pardo; Porriño, Pedro Pereira; Soutomaior, Manuel Lourenzo. Ademais, Pontón tamén estivo acompañada polas deputadas do BNG Carmela González e Alexandra Fernández.

Deja una respuesta