Vigo, Galicia
Política Vigo

Xabier P. Igrexas: «No podemos tener los montes de Vigo, nuestro grande pulmón verde, con respiración asistida”

O candidato do BNG á Alcaldía trasladou o compromiso de duplicar os recursos municipais para “alargar a protección, valorización e uso social” dos montes en man común, após manter un encontro coa Mancomunidade de Montes de Vigo

Igrexas defende actuar con urxencia diante da situación de emerxencia climática e lamentou que “non teñamos aprendido nada da brutal vaga de lumes de 2017”

video
play-sharp-fill

O Bloque Nacionalista Galego chama a poñer en valor, dinamizar e conservar os montes comunais de Vigo. Así o reivindicou este martes o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que “non podemos ter o grande pulmón verde da cidade con respiración asistida”, após manter un encontro coa Mancomunidade de Montes de Vigo.

Igrexas trasladou na xuntanza o compromiso do BNG de duplicar os recursos municipais para “alargar a protección, valorización e uso social” dos montes en man común. “Merecemos un Vigo moito máis verde, por iso un BNG determinante a partir do vindeiro 28 de maio no Concello de Vigo imos ser a garantía de atender os nosos montes como é debido”, salientou.

O candidato do BNG defendeu actuar no inmediato diante da situación de emerxencia climática e lamentou que “non teñamos aprendido nada da brutal vaga de lumes” que asolou a cidade no ano 2017. “Enfrontarmos os retos da situación de emerxencia climática non é unha tarefa de futuro, é unha urxencia de presente”, valorou.

Nese camiño, propuxo despregar unha estratexia conxunta, en colaboración coas entidades, para a protección e xestión multifuncional dos montes, en especial na prevención de incendios. Ademais, chamou a “modernizar” os parques forestais como espazo de lecer público para “reconciliar” Vigo co seu medio natural e como oferta turística, ligada á oferta cultural e á súa posta en valor. Nesa liña, pediu despregar unha “enérxica” campaña de sensibilización para que o conxunto da cidade se sinta “corresponsábel”, en especial entre as e os escolares. 

Vigo libre de eucalipto e outras especies pirófitas

Para avanzar nesa protección, o candidato nacionalista á Alcaldía propuxo declarar Vigo como cidade libre de eucalipto e outras especies pirófitas, estimulando a través da cooperación coas Comunidades de Montes e outras asociacións e colectivos da cidade a substitución por outras especies forestais autóctonas. Igrexas chamou tamén a combater o depósito de restos de obras e outros obxectos nos montes de Vigo.

“É imprescindíbel apostar por unha ordenación dos montes que permita o seu aproveitamento racional e sustentábel, produtivo, ambiental e tamén para lecer e práctica deportiva”, remachou o cabeza de lista do BNG. 

Deja una respuesta

Hide picture