Vigo, Galicia
Vigo

Xabier P. Igrexas: “Este resultado histórico del BNG demuestra que Vigo no quiere más del mismo y será el motor del cambio en Galicia”

  • A fronte nacionalista reivindica o “salto de xigante” como primeira forza en Vigo con 56.820 votos e un incremento do 14% que permitiu derrotar o PP na maior cidade galega
  • O Bloque comprométese a defender Vigo “con aínda máis forza” no Parlamento galego contando por primeira vez con 3 deputadas e deputados da cidade: Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova
  • O portavoz municipal destaca que o BNG case duplicou o resultado do candidato fake Abel Caballero, a quen desautorizaron as viguesas e os vigueses nas urnas este domingo

O Bloque Nacionalista Galego reivindica o “salto de xigante” en Vigo nas eleccións galegas deste pasado domingo, que por primeira vez coloca á fronte nacionalista como forza máis votada con 56.820 apoios e un incremento do 14% na maior urbe galega. “Este resultado histórico do BNG foi chave para que, en termos xerais, case 6 de cada 10 viguesas e vigueses enviaran un rotundo non ás políticas de abandono e maltrato aplicadas nos últimos 15 anos polo PP en contra da nosa cidade”, valorou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

Unha “mensaxe contundente”, asegurou o voceiro nacionalista, da que ten que tomar “moi boa nota” o candidato dos populares galegos, Alfonso Rueda. “O BNG imos defender con inda máis forza no Parlamento de Galiza, onde por primeira vez contaremos con 3 deputadas e deputados da nosa cidade en Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova, que van ser a voz firme para defender Vigo”, destacou, considerando considerou que este resultado “histórico” do Bloque en Vigo demostra que “Vigo non quere máis do mesmo”.

Igrexas subliñou tamén como o BNG case duplicou o resultado do candidato fake, en relación ao papel de Abel Caballero protagonizando como alcalde a campaña e a propaganda electoral do seu partido en Vigo. “A pasada semana Caballero pedía nunhas declaracións a Ana Pontón que me desautorizase como portavoz municipal do BNG, mais é claro a quen desautorizaron as viguesas e os vigueses nas urnas”, afirmou.

Tendencia á alza do BNG en Vigo

Dende a fronte nacionalista puxeron en valor a tendencia á alza na cidade nos últimos comicios, triplicando a representación no Concello nas municipais do pasado maio e aumentando o número de votos nun 45% nas eleccións xerais de xullo. “É claro que o BNG non ten teitos nin en Galiza nin en Vigo”, reivindicou o voceiro do Bloque, quen asegurou que este domingo “non acabou nada”.

“Este resultado histórico fai que o BNG esteamos con máis forza do que nunca, para facer un mellor e máis intenso labor de oposición, para seguir a defender os intereses da maioría social, para seguir construíndo unha Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, con máis benestar social para todos e todas, con Vigo como motor dese cambio galego”, remachou Igrexas.

Deja una respuesta