Vigo, Galicia
General Vigo

Xabier P. Iglesias: “El BNG rechazamos destinar un solo euro público para instalar símbolos religiosos en Vigo”

A fronte nacionalista esixe a Abel Caballero que non execute o convenio entre o Concello e o Bispado para financiar con 106 mil euros a macroescultura na ermida da Guía.

Solicita ademais acceso íntegro ao expediente municipal polas “serias dúbidas” sobre unha posíbel caducidade da licenza para as obras, outorgada en outubro de 2020.

O Bloque Nacionalista Galego mostra o seu rexeitamento a financiar con diñeiro público a instalación símbolos relixiosos en Vigo. Así, a fronte nacionalista esixe ao alcalde da cidade, Abel Caballero, que non execute o convenio entre o Concello e o Bispado para destinar 106 mil euros a unha macroescultura do Sagrado Corazón de Xesús na ermida da Guía, cuxas obras veñen de rematar este mércores.

“A posición do BNG é clara e firme: nin un só euro para financiar a instalación de simboloxía relixiosa na cidade”, expresou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que censurou esta actuación por vulnerar o principio “esencial e democrático” de aconfesionalidade das administracións públicas. “É inaceptábel que se destine diñeiro de todas as viguesas e vigueses para esta obra”, valorou.

O edil nacionalista criticou ademais que se financie unha imaxe como o Sagrado Corazón de Xesús, do que afeou o seu carácter reaccionario. “Un símbolo que está acreditado historicamente que foi utilizado polas forzas fascistas para lexitimaren a ditadura franquista e a súa cruzada nacional-católica”, recriminou o concelleiro do Bloque.

Neste sentido, Igrexas lamentou que esta macroescultura acabe por consolidar unha “especie de skyline reaccionario” en Vigo, no que destaca “a cruz fascista do Castro que segue en pé polo empeño deliberado de Abel Caballero de impedir o seu derrubo”.

Dúbidas sobre a licenza

Desde a fronte nacionalista veñen de solicitar tamén acceso íntegro ao expediente municipal para a instalación do Sagrado Corazón de Xesús no cumio da ermida da Guía. “Facémolo diante das serias dúbidas a respecto da caducidade da licenza”, explicou o concelleiro nacionalista, que lembrou que foi outorgada o 28 de outubro de 2020 pola concellería de Urbanismo cun prazo máximo de seis meses para o inicio das obras. Ademais, piden coñecer en detalle o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, que autorizou engadir este elemento de seis toneladas sobre un ben protexido.

Deja una respuesta