- A fronte nacionalista lamenta que o Goberno municipal siga ignorando esta medida, que permitiría frear a escalada de prezos e reducir entre 50 e 100 euros o custo mensual
- O estudo encargado polo Concello confirma que a cidade pode acollerse á declaración
- O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, esixe solucións no inmediato en lugar dos “anuncios grandilocuentes, promesas ocas e medidas impotentes” do alcalde
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) insiste na urxencia de tramitar a declaración de Vigo como zona tensionada do mercado da vivenda. O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, lamenta que o Goberno municipal siga ignorando esta medida, que permitiría frear a escalada de prezos dos alugueiros, tras confirmar un estudo do Concello que a cidade reúne os requisitos para acollerse.
“A que espera Abel Caballero? Canto máis teñen que subir os alugueiros? Cantas familias máis teñen que marchar da cidade por non poder permitirse vivir aquí? Canta mocidade ten que seguir condenada a non poder emanciparse polos prezos imposíbeis da vivenda?”, cuestionou Igrexas, despois de interpelar sobre esta cuestión na sesión da Xerencia de Urbanismo decorrida este martes.
O portavoz nacionalista afeou que a única resposta do Goberno local sexa “seguir dando largas” a esta medida, que xa están a tramitar cidades galegas como A Coruña, tamén cunha alcaldía socialista, e Santiago de Compostela. Tachou nese sentido de “tomadura de pelo” que a concelleira de Urbanismo se limitase a anunciar que están valorando un convenio coa Universidade de Vigo para seguir avaliando a situación da vivenda, malia existir datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo que, a xuízo do Bloque, evidencian a gravidade do problema: o prezo medio do alugueiro aumentou un 7% no último ano e case un 30% no último lustro.
Redución entre 50 e 100 euros ao mes
Para o BNG é “incomprensíbel” esta negativa do Goberno de Caballero cando un informe externo encargado polo Concello confirma que Vigo pode acollerse a esta medida incluída na Lei de Vivenda, e que podería supoñer reducir entre 50 e 100 euros o custo mensual dos alugueiros. Unha proposta que tamén contou co visto bo do Pleno municipal, incluída nunha moción do Bloque aprobada en marzo de 2024.
“O único que atopamos son escusas do Goberno local 14 meses despois”, reprochou Igrexas. O voceiro nacionalista recoñece que a declaración de zona tensionada non vai resolver completamente o problema, pero defendeu que se trata dunha medida “imprescindíbel” para avanzar nas solucións. “O gravísimo problema do acceso social á vivenda esixe de medidas e decisións xa, non pode agardar un minuto máis”, afirmou.
Así, dende a fronte nacionalista chaman o Goberno de Caballero a rectificar e deixar a política de “brazos caídos” en materia de vivenda. “Que baixe á terra é que se deixe de anuncios grandilocuentes, promesas ocas e medidas impotentes que comece a actuar dunha vez para garantir o primeiro dereito das viguesas e vigueses que é o de poder vivir na súa cidade”, reclamou Igrexas ao rexedor vigués.
