Trabajadoras de los SAF protestan nos plenos municipales para reclamar la actualización de salarios en base al IPC
Traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) desenvolveron protestas nos plenos municipais de
Ponteareas e Vigo no marco da campaña nacional posta en marcha pola CIG-Servizos para reclamar a
actualización dos salarios en base ao IPC. O persoal, que mañá se mobilizará tamén no Concello de Moaña,
insiste en reclamar a negociación dun novo convenio colectivo, unha vez que se conseguira retirar coa folga
o asinado por CCOO e UGT.
As protestas tiveron lugar onte pola tarde no Concello de Ponteareas e hoxe pola mañá no de Vigo, nas que
as afectadas amosaron cartaces e berraron consignas demandando unha suba de soldos acorde ao IPC a
negociación dun novo convenio, mentres que mañá trasladaranse ao de Moaña para participar no pleno
previsto para as 20:00 horas.
Esta campaña de mobilizacións foi acordada en asemblea a nivel nacional e logo ratificada e cada unhas das
comarcas. O obxectivo é que os salarios se actualicen conforme ao IPC do ano pasado (5,7%), tal e como
establece o convenio colectivo en caso de que non se acordase unha suba de soldos. “Seguimos sen
renovar o convenio, e as empresas non están a aplicar o IPC”, denuncia a secretaria nacional da CIGServizos, Transi Fernández.
De feito, outra das demandas do persoal é a negociación dun novo convenio, unha vez que o preacordo
asinado por CCOO e UGT coa patronal fora retirado tras a presión exercida polas traballadoras mediante
unha folga “histórica” que foi acompañada de numerosas mobilizacións nas que as empregadas dos SAF de
todo o país demostraron a súa capacidade de loita.
Neste senso, a CIG-Servizos xa se puxo en contacto co Consello Galego de Relacións Laborais e coa propia
directora xeral de Emprego para trasladarlles a necesidade de iniciar as conversas para renovar o convenio
colectivo e dignificar as condicións laborais das traballadoras do sector.
