O presidente da Xunta asistiu ao acto de toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo
— Subliña o amplo coñecemento da institución por parte do novo presidente da Autoridade Portuaria, o seu carácter dialogante e a aposta por “buscar consensos”
— Resalta que entre os seus principais retos estará velar polo cumprimento dos compromisos en infraestruturas ferroviarias así como pola xestión do porto tendo en conta aspectos “medioambientais, sociais ou vencellados ao turismo”
— Salienta a importancia do porto de Vigo non só para a cidade senón “para toda Galicia”
– O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou este venres o perfil do novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, como ideal para impulsar a competitividade e capacidade loxística das terminais portuarias viguesas. No acto de toma de posesión, fixo fincapé na experiencia e coñecemento de Botana sobre esta institución. “É unha aposta valente encabezar unha organización da que formou parte, da que coñece todo, as fortalezas e as debilidades”, subliñou o presidente.
Rueda destacou a capacidade de diálogo e de “intentar buscar consensos” que caracteriza a Botana e subliñou que asumirá os retos do presente e futuro máis inmediato dunha institución “que non só é importante para Vigo senón para toda Galicia”. A Autoridade Portuaria ten un rol fundamental na construción do Vigo do futuro e á hora de reclamar o cumprimento dos compromisos co porto e a súa área de influencia.
Deste xeito, é preciso a continuidade do peirao vigués como plataforma exportadora clave nos récords rexistrados por Galicia ano a ano, ou infraestruturas loxísticas como o Corredor Atlántico, logo de quedar fóra do reparto de fondos europeos. Pero ademais, Rueda destacou que será tamén tarefa de Botana xestionar o porto tendo en conta “aspectos medioambientais, sociais ou a importancia do turismo”.
Botana ten unha ampla experiencia en cuestións medioambientais con diferentes fitos acadados no seus cargos como xefe de Operacións e como responsable de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria. Entre eles, cómpre destacar a estratexia Blue Growth, de crecemento azul: un plan innovador premiado internacionalmente e recoñecido polo seu potencial para captar fondos europeos.
Finalmente, Rueda incidiu en que unha institución integrada na Administración do Estado, que ten vínculo coa Xunta e moi influínte a nivel local está destinada a cooperar. Nesta liña, destacou a intención de que os peiraos galegos constitúan “unha rede de portos para combinarse co resto de dársenas estatais”. “Isto vai ir en beneficio de todos”, resaltou.