Con motivo do Día Mundial da Disfaxia, ucistas, neurólogos, rehabilitadores, otorrinos, fisioterapeutas e logopedas insisten na importancia dun diagnóstico precoz para evitar as complicacións asociadas
No marco do Programa Desnutrición Zero, na Unidade de Coidados Intensivos se lles realiza un cribado aos pacientes para detectar este trastorno
Na UCI, máis do 40% dos pacientes recén extubados e entre 50-80% dos traqueotomizados presentan disfaxia
Con motivo do Dia Mundial da Disfaxia que se conmemora hoxe, os especialistas en coidados intensivos, neuroloxía, rehabilitación e ORL, xunto con fisioterapeutas e logopedas da Área Sanitaria de Vigo veñen a sumarse a esta conmemoración para visibilizar un trastorno que afecta a unha porcentaxe elevada da poboación e que, moitas veces, está infradiagnosticado.
A disfaxia é a dificultade para tragar a comida e as substancias líquidas de maneira natural e que, polo tanto, necesita da atención inmediata dun especialista. Segundo explica a ucista e coordinadora do Grupo Desnutrición Zero, Eva Menor “na Unidade de Coidados Intensivos, máis do 40% dos pacientes recén extubados e entre o 50-84% dos sometidos a unha traqueotomía padecen este problema. En total afecta a uns 300 pacientes anuais ingresados na UCI. Un cribado a tempo e unha detección temperá minimiza significativamente os riscos de complicacións asociadas e permite un maior porcentaxe de recuperación”.
Protocolo cribado na UCI
Así, un dos piares do Programa de Desnutrición Zero é a continuidade dos coidados e a transición á dieta oral; isto é, que o paso da nutrición artificial á oral se realice de xeito seguro. Para isto, o servizo de Medicina Intensiva puxo en marcha un protocolo de cribado de disfaxia para detectar precozmente este trastorno nos pacientes ingresados na UCI.
Así, o persoal de enfermaría -que ten recibido unha formación específica neste campo- realiza un test ao paciente no momento da comida e, segundo a puntuación obtida, se lle valora e se decide se necesita a intervención terapéutica do logopeda; ou ben modificar a súa dieta para adaptala a súa situación; ou simplemente volver a reevaluarlo en 24 horas.
“A gran maioría das disfaxias, cando son producidas pola debilidade adquirida do músculo e non por outra causa, se consigue recuperar con rehabilitación logoterápica”, asegura a doutora Menor
Abordaxe integral
Ademais da afectación aos pacientes en UCI, en xeral a disfaxia representa un problema de saúde con gran incidencia na calidade de vida de quen a padece e dos seus familiares ou coidadores, que afrontan con moita inseguridade e medo as horas das comidas.
Trátase dun trastorno da deglutición caracterizado por unha dificultade na preparación oral do bolo alimenticio ou no desprazamento do alimento desde a boca ata ao estómago. Pode ter unha orixe funcional (habitualmente neuróxeno) ou mecánica, e tamén pode ser secundaria a outros factores, como ás cánulas de traqueostomía ou algúns fármacos.
Ás veces, os pacientes presentan dificultades moi severas que fan que parte do bolo alimenticio se vaia á vía aérea. Os pacientes con este problema teñen mais probabilidades de ingresar no hospital por pneumonías, desnutrición, e incluso se rexistra un maior índice de mortalidade por estos motivos.
Ten maior incidencia nas idades máis avanzadas, en enfermos xeriátricos e institucionalizados, e naquelas persoas que sufriron un ictus.
A estes pacientes engádense os enfermos con patoloxías neurodexenerativas (Párkinson, demencias, ELA, Esclerose Múltiple, miastenia,…); os que pasaron por cirurxías otorrinolaringolóxicas ou neurolóxicas; ou poboación infantil con trastornos neurolóxicos.
Unha correcta abordaxe reduce o tempo de hospitalización dos enfermos, así como os reingresos hospitalarios por complicacións respiratorias.
Neste senso, os e as logopedas da Área Sanitaria de Vigo teñen elaborado diferentes materiais para impartir obradoiros ás persoas coidadoras destes pacientes así como diferentes cursos de formación específica para o persoal sanitario implicado nos seus coidados.
