Vigo, Galicia
Galicia General Política Vigo

Pontón y Xabier Pérez: reclama un plan extraordinario de inversiones para acelerar el corredor Atlántico con un calendario de ejecución

“Temos unha posición de retraso que hai que corrixir, pasar das palabras aos feitos porque é unha infraestrutura clave para Galiza”, alega

O BNG propón unha comisión institucional, económica e social galega e unha comisión de seguimento coa participación das forzas parlamentarias

Só hai anuncios, pero non podemos aceptar que a visión centralista deixe Galiza atrás nun transporte de futuro, máis ecolóxico e barato

video
play-sharp-fill

A portavoz nacional, Ana Pontón, elixiu a estación ferroviaria de Guixar en Vigo para reclamar que Galiza non quede atrás nos deseños ferroviarios de transporte por mercadorías e para darlle un impulso real a un asunto estratéxico para o futuro, explicou a líder do BNG que citaba a valoración que a propia UE.

“Dicía un ex comisario europeo de transportes que quen non figure na rede transeuropea de transporte será un cero á esquerda e non podemos permitir que Galiza, na práctica, quede fora deses deseños, estamos ante un feito clave para a competitividade da nosa economía, e o Bloque non vai aceptar que a visión centralista que cada vez ten máis peso no Estado faga que Galiza quede atrás”, argumenta.

E para iso, a líder nacionalista formula propostas que permitan pasar das palabras aos feitos.

En primeiro lugar, propón unha fronte de País onde estean institucións, empresariado, sindicatos, organizacións políticas e universidades en defensa da infraestrutura. Segundo, un Plan extraordinario de investimentos para o corredor atlántico, no seu tramo noroeste, acompañado dun cronograma que defina proxectos e prazos de execución. E para que evitar erros do pasado, “porque de promesas incumpridas sabemos moito en Galiza, imos impulsar a creación dunha comisión interinstitucional que inclúa ao Goberno galego, o goberno central e todos os axentes implicados nesta infraestrutura”, explicou.

Pontón destaca que os feitos acumulados ao longo da última década neste asunto da motivos para a alarma, esgrimindo os datos que mostran a discriminación do goberno central dun e outro signo.

“Basta de anuncios, queremos feitos”, indicou, porque hoxe “a porcentaxe de transporte ferroviario de mercadorías no Estado é aproximadamente o 4%, mentres en Galiza é inferior; e obxectivo anunciado o pasado venres en Santiago é chegar ao 12% no noroeste en 2040, unha proposta moi pouco ambiciosa tendo en conta que a media en Europa é xa do 16,8% e países como Alemaña ten xa o 23%”.

Polo tanto, alegou, o corredor atlántico precisa un impulso porque Galiza leva unha década de retraso e discriminación con Galiza, e aí están os datos.

“En 2013 o corredor atlántico quedou excluído do mapa, por certo cos votos do PP e do PSOE en Bruxelas, vimos como o corredor mediterráneo conta con un comisionado desde 2017, mentres que para o corredor atlántico acaba de anunciarse dunha maneira efectista, xa veremos se efectiva, e vimos como nos últimos anos a maioría dos investimentos se concentraron en Madrid, Andalucía e Euskadi”.

Ademais, o Bloque subliña que mentres o corredor mediterráneo ten un cronograma e un plan director claro, en Galiza só hai anuncios e indefinición, “inaceptable nunha infraestrutura estratéxica para a competitividade da nosa economía, porque o tren é o transporte de futuro, un medio máis ecolóxico, eficiente e máis barato”.

Conexión con Portugal

Pontón destacou a importancia do corredor atlántico para Vigo, en particular para o seu porto, “referente de entrada de mercadorías por mar que precisa a conexión ferroviaria” e, igualmente puxo o foco na PLISAN, como gran polo loxístico o que implica que debe ter garantida a conexión por tren, aínda pendente.

Outra cuestión pendente é a conexión con Portugal, e o BNG considera clave acelerar os proxectos e os investimentos da conexión a través do Eixo atlántico entre Galiza e o país luso, a nova liña de alta velocidade entre Vigo-Braga-Porto e a mellora do transporte de mercadorías a través da liña actual que vai a Porto por Viana do castelo, concluíu.

Deja una respuesta

Hide picture