Vigo, Galicia
Galicia Política

Pontón remite una carta a Puente en la que el insta a aprovechar la puerta abierta por Bruselas para proceder «sin más dilación» al rescate de la AP9

  • Axúntalle o informe da UDC encargado polo BNG que cifra en 904,7 millóns de euros o custe do rescate
  • Recorda ao ministro que só en peaxes na sombra o Goberno do Estado aforraría máis de 2.800 millóns de euros

A portavoz nacional, Ana Pontón, remitiu unha carta ao ministro de Transportes, Óscar Puente, na que lle insta a aproveitar a porta aberta por Bruxelas para proceder “sen máis dilación” ao rescate da AP9 e rematar así dunha vez por todas cunhas peaxes abusivas que os galegos e as galegas non deben seguir pagando. 

Na misiva, Pontón recorda que o ditame incoado pola Comisión Europea por incumprir a directiva 93/37/CEE declara ilegal a ampliación até 2048 da concesión da AP9 a Audasa aprobada polo Goberno do PP presidido por José María Aznar “con total ignorancia dos intereses dos galegos e das galegas”.

Unha decisión, recalca, que ten como consecuencia que a cidadanía galega siga pagando unha peaxe abusiva, cando deberían “estar circulando gratis” pola que é a principal vía de comunciación terrestre do País “como sucede nas autoestradas desa xeración”, o que supón “unha discriminación inaceptable” para a cidadanía galega.

Máis alá do reparto de responsabilidades nesta situación, coa prórroga da concesión de dez anos do Goberno do PSOE de Felipe González e a posterior de 25 anos do Executivo do PP de Aznar, Pontón alega que “agora é o momento de aportar solucións”, de “aproveitar a porta aberta pola Comisión Europea” para rescatar a autoestrada galega e “facer xustiza con Galiza”.

“Grazas ao acordo de investidura entre o PSOE e o BNG, conseguimos descontos históricos nas peaxes, certo, pero é insuficiente, porque o que Galiza merece é ter unha AP9 gratuíta e de xestión galega, para o que hai que rescatar a autoestrada”, incide na súa carta ao ministro, ao que lle lembra que o rescate non só é unha cuestión de xustiza, senón que suporía ademais “un aforro enorme para as arcas públicas”.

Así o demostra o informe elaborado pola Universidade da Coruña por encargo do BNG, informe que Pontón axunta ao titular de Transportes na súa misiva e que cifra en 904,7 millóns de euros o custe do rescate. Unha valoración económica para a que o estudo empregou o valor de mercado actualizado co IPC, é dicir, o valor que un terceiro estivera disposto a pagar pola AP9 no momento da súa venda seis anos antes.

O informe tamén ten en conta outra cuestión esencial: se a Comisión Europea declara ilegal a ampliación da concesión, non ha lugar ao pago de lucro cesante, dado que a empresa non tería dereito a esa indemnización, tal e como indica a propia xurisprudencia do Tribunal Supremo.

A portavoz nacional subliña no seu escrito un último dato do informe de especial relevancia: as peaxes na sombra a pagar até o final da concesión en 2048 suman 2.844,5 millóns de euros, unha cifra calculada tendo en conta os datos do Consello de Estado no seu ditame de xullo de 2021. É dicir, que o rescate suporía tamén un enorme aforro de recursos públicos.

Polo tanto, o estudo xurídico e económico da Universidade da Coruña “demostra que o rescate da AP9 é posible, viable e a mellor alternativa para Galiza e para o conxunto do Estado”, conclúe Pontón, quen asegura que “ninguén entendería que o Goberno de España puxera os intereses de Audasa por riba dos intereses dos galegos e das galegas e por riba do interese xeral”.

“Por iso, desde o BNG instamos ao Goberno central a que aproveite a oportunidade que ofrece Bruxelas e que, lonxe de poñer trabas e prolongar esta estafa que soportamos, opte sen máis dilación polo rescate da AP9”, urxe a líder nacionalista.

“É o que desexa e merece a sociedade galega e no que desde o BNG levamos traballando e pelexando desde hai anos, e non seguiremos de facelo até conseguir unha AP9 galega e libre de peaxes”, conclúe para rematar pedindo ao ministro, como máximo responsable de Transportes, se converta nun “aliado” para conseguir un obxectivo que é de xustiza.        

Deja una respuesta

Hide picture