- A deputada, Carmela González, urxe a posta en marcha de axudas económicas específicas, liñas de crédito e rebaixas fiscais para o pequeño e mediano comercio.
- Xabier P. Igrexas: “Axudar a que os pequenos comercios que dinamizan os nosos barrios e parroquias, que vertebran a cidade e crean emprego estábel, poidan volver abrir a persiana, non pasa por boas palabras e grandes anuncios. Son necesarias medidas concretas e recursos
O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en Vigo a campaña “Mellor galego, mellor local”, coa que chaman a apostar no comercio local e nos produtos do País. Nun acto simbólico diante do mercado do Calvario, no que participaron a deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, e mais o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, a fronte nacionalista volveu demandar un maior apoio institucional ao sector comercial.
A deputada, Carmela González, cualificou de “insuficientes” as políticas despregadas pola Xunta e mais o Goberno español perante a grave crise que padece o comercio, por causa dos efectos da pandemia e das medidas de restrición. Neste sentido, González, alertou de que “non despregar medios e medidas de verdade ameaza a propia supervivencia do sector”.
Desde o Bloque consideran esencial a posta en marcha de axudas económicas específicas, liñas de crédito e rebaixas fiscais, para desafogar a situación límite que atravesan os pequenos e medianos comercios. Aliás, defenden que é necesario promocionar de maneira activa a compra de produtos locais e galegos, e facelo no comercio de proximidade, contrapoñendo este modelo á proliferación de grandes áreas comerciais que destrúen emprego e desertizan os pequenos estabelecementos.
Nas proximidades das compras de nadal, González fixo un chamado a comprar no pequeno e mediano comercio e a apostar polo produto local. “En Vigo e en Galiza temos produtos de primeirísima calidade, desde a artesanía, ao téxtil, a música, a literatura, o xoguete non sexista ou a alimentación. Temos que facer que as nosas compras axuden a quen produce aquí e que sirvan para dar alento aos comercios dos nosos barrios”, resumiu.
Falla de apoio
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou a falla de apoio por parte das diferentes administracións públicas ao comercio local e de proximidade. No concreto, a nivel municipal afeou que Vigo sexa “unha das poucas cidades que non habilitou desde o Concello ningunha liña de apoio económico ao sector”.
Igrexas denunciou tamén a falla de execución da partida orzamentaria destinada a subvencións para o comercio vigués, prevista xa con anterioridade á pandemia. “Duns miserentos e insuficientes 50 mil euros, o Goberno de Abel Caballero non gastou nin un só euro”, denunciou, aludindo aos datos de execución orzamentaria a 30 de setembro.
Outro dos incumprimentos municipais que criticou o edil nacionalista é o da anunciada plataforma web para a comercialización de produtos, o “Amazon vigués”, anunciado en abril polo alcalde e do que nada se sabe.
“Axudar a que os pequenos comercios que dinamizan os nosos barrios e parroquias, que vertebran a cidade e crean emprego estábel, poidan volver abrir a persiana, non pasa por boas palabras e grandes anuncios. Son necesarias medidas concretas e recursos”, recalcou.