“Hoxe, ou tes cartos ou non se garante a atención en saúde mental nunha Galiza que lidera o consumo de psicofármacos”, denuncia
“Mentres vostede chapotea na súa lama, o BNG seguirá aportando solucións aos problemas reais dxs galegxs”, advirte ao titular do Executivo
A portavoz nacional, Ana Pontón, propúxolle na sesión de control a Alfonso Rueda pactar sete millóns de euros nos Orzamentos de 2026 para contratar 100 psicólogas e psicólogos clínicos para os centros de saúde.
Unha proposta á que sumou a posta en marcha de unidades de atención infanto-xuvenil de saúde mental en todas as áreas sanitarias do País e o desenvolvemento de plans e medios para poder previr o suicidio, cuxo ranking segue liderando lamentablemente Galiza, ao igual que o do consumo de ansiolíticos e antidepresivos, advertiu, neste último caso cun 52% por riba da media estatal.
Estas son algunhas das alternativas que defendeu a líder nacionalista para mellorar a atención á saúde mental que o Goberno do PP, remarcou, mantén nunha “situación precaria”, pese a que o 23% dos galegos e das galegas ten “problemas crónicos de saúde mental”.
“Temos mozos e mozas que están angustiadas, que teñen problemas de alimentación, que se autolesionan, e miles de cidadáns que teñen problemas de insomnio, de ansiedade ou de depresión e a única axuda que teñen é unha caixa de pílulas”, denunciou, para criticar a continuación, que o único que Rueda lles ofrece é “propaganda”.
Pontón recordou que o titular do Executivo anunciou 83 M€ dun Plan de Saúde Mental que logo non cumpriu, que posteriormente comprometeu a elaboración dun novo Plan polo que tamén hai que seguir esperando e, para rematar, a contratación de 14 psicólogos e psicólogas para Atención Primaria que tampouco chegaron. “A realidade é que, neste momento, hai sete psicólogos para atender a máis de 400 centros de saúde no noso País”, resumiu.
Neste sentido, evidenciou de novo os anuncios propagandísticos dun Rueda que, nesta mesma sesión de control, comprometeu a contratación de 21 psicólogos na Primaria, cando segue sen contratar os 14 que anunciara o pasado mes de maio tamén no Parlamento.
“Onde están eses psicólogos e psicólogas?”, interpelou ao presidente da Xunta, ao que advertiu que cando hai un País que encabeza o ranking de suicidios e de consumo de psicofármacos, “os galegos e galegas necesitan solucións, non propaganda”. “A realidade é que, hoxe, ou tes cartos ou a sanidade pública non che garante a atención en saúde mental”, sintetizou.
A líder nacionalista sinalou á deficiente situación da atención á saúde mental como unha das consecuencias dos recortes do Goberno do PP na sanidade pública, cun “recortazo” de 1.650 millóns de euros na Atención Primaria que provoca esperas de até 15 días por unha cita para o médico ou médica de cabeceira. “Unha auténtica barbaridade que vostedes queren normalizar”, recriminou ao titular do Executivo, tras preguntarlle canto tivo que agardar a última vez que pediu cita no seu centro de saúde.
Nesta liña, sinalou a Rueda como “o campión das listas de espera”, xa que ten a máis de 360.000 galegos e galegas agardando para poder ser atendidos. “E isto nas listas que vostedes publican, que están manipuladas, porque realmente a cifra é moi superior”, alertou.
De igual xeito, recordoulle que “ten a 11.000 nenos e nenas sen pediatra”, ás mulleres de Ourense “parindo en condicións indignas” e aos centros de saúde “precarizados, con menos recursos dos que se necesitan”. E, aínda así, advertiu, ano tras ano, o Goberno do PP incrementa os recursos que destina á sanidade privada, mentres os galegos e as galegas teñen que pagar “o sobrecuste de 470 millóns polo pelotazo do hospital de Vigo”.
“Señor Rueda, vostedes levan 16 anos recortando e deteriorando a sanidade pública para beneficiar a sanidade privada e iso é imperdoable porque coa saúde da xente non se fai negocio”, censurou.
A portavoz nacional criticou a absoluta falta de credibilidade dun presidente da Xunta que dixo ter máis recursos que nunca para a sanidade, mentres medran as listas de espera ou faltan persoal e medios na atención á saúde mental. “A quen pretende enganar? Os galegos e as galegas saben perfectamente os problemas que hai na atención á saúde e particularmente na atención á saúde mental e a realidade é que vostedes non teñen ningunha credibilidade”, cuestionou.
Pontón recriminou ao titular do Executivo unha intervención coa que, reprochou, volveu demostrar como, “sesión de control tras sesión de control”, pretende “converter” o Parlamento “nunha lameira” política.
“Eu xa lle digo que vai estar vostede só chapoteando na súa lama porque o BNG está aquí para falar dos problemas e, sobre todo, das solucións que necesita a xente, que ten problemas gravísimos que atender”, advertiu a un Rueda ao que tamén reprochou a súa “cara dura” por pretender dar leccións desde o PP na loita contra a corrupción. “Pero se cando Pablo Crespo repartía sobres en B e ían a eleccións dopados con diñeiro negro, vostede xa estaba no aparato do Partido Popular”, recordoulle.
A líder nacionalista remarcou que os galegos e as galegas merecen “moito máis” que este PP e a súa propaganda. Merecen, alegou, “unha sanidade pública que garanta a súa atención” e que garanta “a atención das persoas que teñen problemas de saúde mental”.
“Vostede pode seguir querendo converter este Parlamento nunha lameira ou pode vir aquí a ofrecerlles solucións aos galegos e ás galegas, que merecen unha sanidade pública que os atenda”, retou a Rueda para concluíu.
