Vigo, Galicia
Galicia Política

Pontón llama a concentrar el voto en Galicia en el BNG el 29N para frenar el bloque reaccionario y darle una voz firme al País.

“Somos garantía da defensa dos intereses dxs galegxs e da defensa dos dereitos, das liberdades e dos avances sociais”, reivindica

Reitera que o Bloque concorrerá ás eleccións estatais en solitario: “Se temos algunha coalición será co pobo galego”, recalca

Néstor Rego e Carme da Silva destacan o aval do traballo feito coa consecución de avances para o País e para as maiorías sociais

A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou a concentrar o voto en Galiza no BNG nas eleccións estatais do 29N para frear o bloque reaccionario e darlle unha voz firme ao País.

“É clave que os galegos e galegas nas próximas eleccións concentren o seu voto no BNG como a garantía de que desde Galiza non só imos frear a ese bloque reaccionario, senón que imos darlle unha voz firme ao noso país que condicione as políticas do Estado a favor das maiorías sociais”, explicou nun almorzo informativo xunto ao deputado no Congreso, Néstor Rego, e a que foi senadora do Bloque na lexislatura que vén de rematar, Carme da Silva.

Pontón indicou que estas non son unhas eleccións máis, dado que o que está en xogo é que os galegos e as galegas teñan forzas para poder ser decisivas e facer valer os seus intereses. “Está en xogo que a vida dos galegos e das galegas importe alí onde se toman decisións que nos afectan e está en xogo que teñamos unha voz clara e firme que defensa os intereses deste País e que non cale nin se dobregue cando se trata de defender a Galiza e a súa xente”, remarcou.

A líder nacionalista subliñou que, polo tanto, “Galiza xógase o seu peso político no Estado” e ser determinante nun momento no que “non vai haber maiorías absolutas e cada escano vai ser decisivo”.

Neste sentido, apelou nesta cita electoral á implicación dunha cidadanía á que o BNG lle presenta “unha alternativa clara e firme en defensa dos seus intereses” e o compromiso de que vai estar “dando a cara polas súas vidas para que melloren as cousas no seu día a día e defendendo aquelas cuestións estruturais que dependen do Estado” e que afectan ao desenvolvemento do País.

“Por iso cremos que a clave do próximo 29N é que o BNG teña máis forza en Madrid para que os galegos e as galegas nos fagamos respectar, porque nós somos a alternativa de toda esa xente á que lle doe ver como se discrimina este País, que quere máis Galiza e que os nosos problemas se atendan”, incidiu.

Pontón tamén recordou que a formación nacionalista é a alternativa que “defende dereitos, liberdades e máis avances sociais”, tal e como demostrou ao longo da lexislatura, partindo ademais dunha premisa que os galegos e galegas teñen clara. “O BNG é garantía de que o Partido Popular e Feijóo van seguir moitos anos onde deben estar, que é na oposición”, sintetizou.

Nesta liña, criticou ao Goberno de Alfonso Rueda que “está traballando en contra de Galiza única e exclusivamente porque esa é a campaña electoral de Feijóo, instalado no canto peor, mellor”, sen importarlle “ir desde Galiza en contra dos intereses do País” e mesmo utilizando a Xunta para intentar desvirtuar acordos positivos como o da transferencia da AP-9 ou a quita de 4.000 millóns na débeda pública.

“Como é posible que o Goberno galego, que dicía que quería a transferencia, cando se aproba a lei, diga que non a quere e a boicotea? Como é posible que teñamos unha débeda que se está disparando no noso País e o presidente da Xunta diga ‘Non’ a unha rebaixa de 4.000 millóns porque a negociou o BNG?”, cuestionou, para concluír que o que “non soporta o PP é ver que o BNG é capaz de traballar a favor dos galegos e das galegas”.

A preguntas dos medios, reiterou que “o BNG vai ir como BNG” ás eleccións do próximo 29N. “Se temos algunha coalición será co pobo galego”, incidiu logo de amosar o respecto do Bloque polos debates, valoracións e circunstancias que, neste momento, teñen outras forzas política.

Tamén en resposta aos xornalistas, avanzou que no próximo Consello Nacional do 24 de outubro, o BNG aprobará as súas candidaturas, logo do proceso aberto nas asembleas comarcais ao longo e ancho do País. “Esas candidaturas son moi importantes, pero sobre todo é moi importante que Galiza gañe, que teñamos máis peso en Madrid para defender os intereses dos galegos e das galegas e para ser tamén desde aquí ese muro de contención contra esa vaga reaccionaria que estamos vendo”, incidiu.

A portavoz nacional recordou que a formación nacionalista logrou cun deputado e unha senado “máis avances para os galegos e as galegas que o resto de deputados e deputadas” das formación estatais, o que atribuíu a ter “as mans libres” para “defender sen ataduras” os intereses da cidadanía galega.

Non só, advertiu, ante o Goberno do Estado, senón tamén ante os grandes lobbys que están condicionando a vida das persoas, como no caso da vivenda ou do espolio enerxético en Galiza, indicou para neste punto sobre o posible rexurdir de intereses como os de Altri.

A líder do BNG augurou unha precampaña e campaña na que o bipartidismo pretende xogar coas emocións da cidadanía, “ou coa idea do medo ou coa idea do derrotismo”. “E nós o dicimos é que o próximo 29N hai que ir votar con ilusión, con ganas, con Galiza na cabeza e no corazón, sendo conscientes de que a única batalla que se perde é a que non se dá”, afirmou.

Pontón reiterou neste punto que o Bloque “vai ir a por todas” sabendo que hai moitas persoas que miran para el, entre elas, as que están dubidando que van facer co seu voto. “Quizais algunhas se senten decepcionadas porque viron políticas a medio gas dun Goberno que non foi valente e nós o que lles dicimos é que a alternativa para que ese motor funcione é o BNG e que imos estar alí para dar a cara como fixo sempre na súa representación” nas Cortes, concluíu.

Pola súa parte, Néstor Rego indicou que o BNG “é a única das forzas políticas que tivo representación na Galiza que pode acreditar un traballo constante e coherente de defensa dos intereses do noso País e das maiorías sociais”. Neste sentido, Rego sinalou que o balance para o BNG é “incuestionábel” ao ter conseguido medidas moi importantes para mellorar a vida dos galegos e galegas, así como avances sociais para o conxunto do Estado español.

O traballo realizado nas Cortes, subliñou, é a mellor garantía de que o Bloque “será unha defensa firme dos intereses da Galiza, das maiorías sociais e da defensa de políticas de avance social”, coa certeza de que, con maior representación, “o BNG terá maior capacidade para determinar e condicionar as políticas que se fagan no Estado” e que cada escano que logre a organización nacionalista “será un escano menos para o bloque reaccionario”.

Pola súa parte, a senadora nacionalista constatou que “só se fala de Galiza alí onde o BNG ten representación”. Da Silva exemplificou até que punto o BNG foi capaz de mellorar a vida dos galegos e galegas pondo o caso concreto dos fallos no sistema COMETA: “Nunca se lles ocorreu solucionar os problemas de cobertura que existen nas zonas rurais e nas zonas transfronteirizas para garantir que esas mulleres estean seguras” evidenciou.

Na mesma liña, continuou, “é o BNG quen consegue introducir -por lei- que a teleasistencia estea garantida en todas as zonas rurais e zonas da fronteira con Portugal as 24 horas do día”.

“Cada vez máis galegos e galegas se dan conta de que Galiza precisa en Madrid máis peso político para incidir nas decisións e que o Goberno do Estado teña en conta as necesidades que temos como País para ter máis investimentos, máis financiamento, mellores servizos,…”, reivindicou Da Silva, quen concluíu que “só estando o BNG con máis forza e peso político poderemos darlle solución aos problemas da Galiza”.

Deja una respuesta

Hide picture