- A deputada no Parlamento galego, Carmela González, demanda transparencia nas subvencións ao sector e esixe que estas se utilicen para fixar a produción en Galiza e para mellorar as condicións laborais e salariais.
- O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alerta de que “na nosa cidade só no último ano se destruíron 2.500 empregos industriais e hoxe na industria viguesa hai 5.400 traballadores e traballadoras menos que en 2009”.
O Bloque Nacionalista Galego demandou desde Vigo o despregamento de políticas públicas para combater a crecente precariedade laboral e evitar a deslocalización produtiva no sector da automoción. A fronte nacionalista pide tamén transparencia nas axudas públicas que se outorgan ás empresas e que estas fiquen condicionadas ao mantemento do emprego en Galiza.
O BNG mantivo esta mañá unha xuntanza coa responsábel nacional de Automoción da CIG, María Xosé García, na que tomaron parte o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada no Parlamento galego, Carmela González. No encontro abordaron a situación que atravesa o sector e puxeron en común as medidas necesarias para reforzalo.
Igrexas salientou a “importancia estratéxica” do sector da automoción na cidade e área de Vigo, explicando que arestora enfronta reptos decisivos sobre o seu futuro. Entre eles mencionou os derivados do cambio de modelo produtivo ligado ás novas tecnoloxías e a superación do consumo de combustíbeis fósiles. Tamén puxo o foco na crecente precariedade laboral que se expresa nunha elevadísima taxa de temporalidade, o aumento nos contratos a tempo parcial, o empobrecemento salarial e mais o empeoramento das condicións laborais, para alén dos efectos da aplicación de medidas como os ERTE que, na súa opinión, “acabaron por transferir os custos da crise da Covid19 ás traballadoras e os traballadores”.
O portavoz municipal nacionalista alertou da ameaza “seria e real” da deslocalización produtiva, que se materializa no feito de que nos últimos 8 anos non se teña constituído ningunha nova empresa do sector na área de Vigo e en que a produción estea equiparada á do ano 2007, antes da crise, mais soportada por un 40% menos de postos de traballo.
No BNG inscriben a situación “preocupante” da automoción no cadro crítico xeral que atravesan as actividades industriais en Vigo. “Na nosa cidade só no último ano se destruíron 2.500 empregos industriais e hoxe na industria viguesa hai 5.400 traballadores e traballadoras menos que en 2009, advertiu Igrexas.
Políticas públicas
Para enfrontar esta situación, desde o Bloque demandan o despregamento de políticas públicas que permitan frear o proceso de desertización industrial e revertelo no obxectivo de que a industria represente o 25% do PIB galego na altura do ano 2030.
Entre esas medidas reiteran a necesidade de poñer un marcha un Plan de reactivación económica e industrial na comarca de Vigo, dotado como mínimo con 10 millóns de euros, e que foi rexeitando tanto polo PP a nivel galego, como por PSOE e Unidas Podemos a nivel estatal, na tramitación dos orzamentos da Xunta e do Estado para este 2021. Aliás, consideran fundamental facer unha aposta decidida polo I+D+i para fortalecer o tecido produtivo endóxeno. “A automoción viguesa e galega ten que competir con valor engadido non con máis precariedade nin con deslocalizacións”, reclama Igrexas.
A deputada, Carmela González, denunciou a falla de política industrial por parte da Xunta de Galiza. Unha inacción “deliberada” que, segundo apuntou, evidenciase en ámbitos como a automoción. “A Xunta de Feixóo non está nin se lle espera cando falamos de fortalecer a nosa industria”, advertiu.
González anunciou que presentará no Parlamento unha batería de iniciativas para demandar a posta en marcha dunha Mesa Galega da Automoción, que conte coa participación do CEAGA e mais das centrais sindicais, así como para reivindicar, máis unha vez, unha tarifa eléctrica galega. Dúas medidas concretas que, para a nacionalista, permitirían crear unhas mellores condicións de futuro para esta industria “imprescindíbel para Vigo e a súa área”.
A parlamentar demandará tamén transparencia na concesión de axudas públicas denunciando que non se coñece nin as contías nin os obxectos das subvencións millonarias recibidas polo sector. “As axudas públicas teñen que servir para fixar a produción en Galiza, mantendo e creando postos de traballo aquí, e para mellorar as condicións salariais e laborais. Non podemos seguir subvencionando nin a precariedade nin a empresas que ao pouco trasladan produción fóra”, advirten.