Vigo, Galicia
General Portada

O BNG de Vigo propón novas lanzadeiras ao hospital Álvaro Cunqueiro e máis frecuencias nas existentes

  • Xabier P. Igrexas: “A cuestión non está en que se modifique por onde baixa un bus. O problema, do que se cadra Abel Caballero non se enterou inda, é que apenas hai buses para ir ao hospital”.
  • Denuncian que só unha liña opera en fin de semana e que Navia e Teis apenas teñen un ou dous servizos ao día.

O Bloque Nacionalista Galego demandou esta mañá unha mellora do “rotundamente insuficiente” servizo de autobús urbano até o hospital Álvaro Cunqueiro. O concelleiro do BNG na cidade de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou que o problema non se resolve cun “retoque no percorrido dunha das liñas”, en alusión ao cambio anunciado na H1, senón que esixe da posta en marcha de novas lanzadeiras e un aumento das frecuencias nas liñas xa existentes.

Igrexas explicou que neste momento as catro liñas en funcionamento non atenden a necesidade de transporte cara a unha dotación tan importante como é o novo hospital. “Temos unha liña H, que só conecta Navia cun único bus os días laborábeis a primeirísima hora da mañá. Unha H1 con buses cada hora pero sen servizo en fins de semana. Unha H2 con frecuencias de 30 minutos, claramente insuficientes. E unha H3 que só realiza dúas viaxes en días laborábeis en horario de mañá”, explicou. En relación á liña H3 o concelleiro quixo recoñecer que a súa posta en marcha fora resultado da loita da veciñanza de Teis, pero recalcou que esas frecuencias non atenden as necesidades da cidadanía.

Desde a fronte nacionalista instan a unha melllora substancial do servizo de bus ao HAC, para o que reiteran a necesidade de despregar novas liñas lanzadeira. No concreto, suxiren a creación dunha nova liña desde a praza dos Cabalos e doutra desde Navia-Coia, mais demandando que se estuden outras necesidades e que se atenda tamén a conexión de todos os barrios e parroquias.

Por outra parte, Igrexas reclamou que se aumenten as frecuencias en todas as liñas existentes, para garantir un bus cada 15-20 minutos, o que facilitaría o transbordo e reduciría os tempos de viaxe “maratonianos” que hoxe padecen as viguesas e os vigueses.

“A cuestión non está en que se modifique por onde baixa un bus. O problema, do que se cadra Abel Caballero non se enterou inda, é que apenas hai buses para ir ao hospital”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.

video
play-sharp-fill

Deja una respuesta

Hide picture