- Xabier P. Igrexas: “É claro que non estamos en condicións de iniciar o curso, cando só temos incertezas e inseguridade”
- A deputada, Alexandra Fernández, esixiu “máis medios e persoal” para garantir as condicións necesarias para o reinicio da actividade educativa.
O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro con FOANPAS, no que tomaron parte o concelleiro, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández. Na xuntanza abordaron a situación educativa a poucos días do inicio do curso escolar e puxeron en común a falla de resposta por parte da Xunta de Galiza.
Igrexas trasladoulles aos representantes das ANPAs viguesas o «total apoio» do BNG ás súas reivindicacións. «É claro que non estamos en condicións de iniciar o curso, cando só temos incertezas e inseguridade por culpa da Xunta de Galiza que non foi capaz de adoptar as medidas necesarias», reprochou o portavoz municipal nacionalista.
Por iso, diante da «grave irresponsabilidade» do Goberno galego, o BNG vai demandar a convocatoria «urxente e extraordinaria» do Pleno do Consello Escolar Municipal para articular unha resposta «conxunta, unitaria e en chave de cidade» por parte da comunidade educativa diante desta situación na que «se está poñendo ao límite» as familias.
A deputada, Alexandra Fernández, pola súa banda enfatizou a importancia de que o Goberno galego abra unha interlocución directa coas comunidade educativa. «Parece que para a Xunta o que acabamos de facer hoxe, sentarnos a falar coas ANPAs, debe ser algo revolucionario e estraño», ironizou.
