Vigo, Galicia
Uncategorized

O BNG de Vigo esixe a comparecencia de Abel Caballero e o cesamento da concelleira de Contratación pola sentenza do caso Guns N’ Roses

A fronte nacionalista estuda demandar da Fiscalía que inicie actuacións para que “os responsábeis respondan diante da Xustiza”, após a sentenza do Contencioso número 2 de Vigo que acredita graves irregularidades por parte do Goberno municipal

Xabier P. Igrexas: “Este escándalo sen precedentes non pode quedar en nada, ou só nunha avultada factura de case 2 millóns de euros de todas as viguesas e vigueses”

video
play-sharp-fill

O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir a comparecencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, perante o Pleno e o cesamento da edil de contratación, Patricia Rodríguez, polo escándalo Guns N’ Roses. Despois da sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 e Vigo, que constata as graves irregularidades xa advertidas polo BNG, a fronte nacionalista estuda tamén trasladar un escrito a Fiscalía para instala a iniciar actuacións para que “os responsábeis respondan diante da Xustiza”.

“Máis alá das implicacións administrativas e económicas, na sentenza queda acreditado que o Goberno municipal de Abel Caballero mentiu de maneira tan descarada como torpe”, valorou en rolda de prensa este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sobre o fallo xudicial que condena ao Concello a pagar un importe próximo aos 2 millóns de euros pola celebración do concerto.

A ese respecto, o Bloque reclamou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, compareza de maneira urxente perante o Pleno municipal para dar explicacións dunha vez sobre este escándalo. Nesa liña, o voceiro nacionalista demandou ao rexedor que permita crear unha comisión de investigación, xa solicitada sen éxito polo propio BNG durante o Pleno extraordinario promovido en setembro de 2023 e vetada polo grupo socialista, para “chegar até o fondo do asunto, caia quen caia”.

“O escándalo sen precedentes que supón o caso Guns N’ Roses non pode quedar en nada ou impune, ou só nunha millonaria factura que deberá ser abonada con diñeiro de todas as viguesas e vigueses”, advertiu Igrexas, asegurando que o Goberno municipal ten que responder tamén polas irregularidades xurídicas acreditadas na sentenza do Contencioso. Así, os servizos xurídicos do Bloque avalían xa a posibilidade de demandar á Fiscalía que inicie actuacións polos graves feitos constatados no fallo xudicial. “Os responsábeis deben responder diante da Xustiza”, remachou.

A sentenza acredita as graves irregularidades

Para o BNG, a sentenza deixa en evidencia “de maneira incontestábel” que o Goberno de Caballero non respectou os procedementos legais para a contratación pública. O fallo do Contencioso proba que existía un acordo e contactos previos coa promotora do concerto, demostrando que a carta de interese desvelada publicamente polo Bloque -malia as trabas do Goberno local para facilitar o acceso á documentación- non era un documento tipo como afirmaron varios membros do executivo. 

A sentenza constata tamén que o pretendido concurso público aberto para o patrocinio publicitario do concerto foi unha “farsa”, como denunciara a fronte nacionalista, pois foi deseñado ad hoc para financiar o concerto de Guns N’ Roses que xa estaba acordado previamente. “Os pregos estaban feitos a medida desa negociación contractual que se viña desenvolvendo entre as partes cos indispensábeis meses de antelación para a viabilidade da súa frutificación”, reza de forma literal o fallo.

Patricia Rodríguez non pode seguir no GobernoNesa mesma liña, o fallo xudicial aclara que as motivacións de simular un concurso aberto foi “outorgar vestimenta xurídica e formal adecuada a unha contratación preexistente que carecía dela”. Por estes motivos, o BNG considera imperativo que se retiren de inmediato as competencias da área de contratación e festas na concelleira Patricia Rodríguez pola súa responsabilidade directa nas irregularidades do concurso. “Non pode permanecer no Goberno da cidade nin un minuto máis”, remachou Igrexas.

Deja una respuesta

Hide picture