Vigo, Galicia
General Política

O BNG de Vigo demanda transparencia e expresa “importantes dúbidas” no proceso de adxudicación do SAF a unha empresa do grupo DomusVi

  • A fronte nacionalista solicita ter acceso ao expediente íntegro para “poñer luz nun proceso que presenta demasiadas sombras” na baremación das ofertas.
  • Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos que o SAF sexa un servizo público e non unha fonte de negocio privado para grandes empresas”.

O Bloque Nacionalista Galego expresou dúbidas sobre o proceso de adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Vigo en favor da empresa Servisar, do grupo DomusVi, e demandou transparencia.

Así o manifestou o concelleiro, Xabier P. Igrexas, ao remate dun encontro mantido co Colectivo de Pensionistas e Xubiladas/os da CIG e no que tamén tomaron parte delegadas sindicais no SAF. “Comparto a enorme preocupación que manifesta o colectivo de pensionistas diante do feito de que DomusVi, cunha xestión nefasta nas residencias e obxecto de numerosas denuncias, se vaia facer co control do SAF”, expresou.

Igrexas, subliñou que o pasado mes de xullo o BNG xa advertira de que o prego para a concesión do  SAF para os vindeiros 5 anos era unha oportunidade perdida. A fronte nacionalista xa sinalara daquela que a nova concesión estendería a precariedade laboral e na prestación dun servizo que na actualidade atende a 1.100 usuarios e usuarias na nosa cidade.

Para o Bloque a adxudicación a Servisar, acordada na Xunta de Goberno Local do pasado 24 de setembro, xera “importantes dúbidas, toda vez no proceso de baremo esta empresa recibiu a máxima puntuación, 15 de 15 puntos, no relativo a súa proposta organizativa, a seis puntos de distancia da segunda oferta mellor valorada. “Resulta moi estraña esa valoración, cun 15 redondo, cando ademais pola estrutura do prego era previsíbel que unha diferenza tan marcada podería decantar a adxudicación, como finalmente sucedeu”, explicou Igrexas.

Diante desta situación, o BNG vén de solicitar formalmente ter acceso ao expediente íntegro do proceso de adxudicación para poder coñecer que elementos xustifican e obxectivan a valoración da oferta de Servisar. Aliás, os servizos xurídicos da fronte nacionalista están a valorar que accións poder emprender para “poñer luz nun proceso que presenta, aparentemente, demasiadas sombras”.

No entanto, a fronte nacionalista reitera que a aposta ten que ser a de municipalizar o servizo a través da xestión pública directa, co obxectivo de poñer fin “á mercantilización dos coidados e á precariedade en servizos esenciais como SAF”. “O BNG queremos que o SAF sexa un servizo público e non unha fonte de negocio privado para grandes empresas”, resumíu.

SAF01

Deja una respuesta

Hide picture