- A fronte nacionalista lembra que o alcalde decidiu recorrer unha sentenza xudicial para evitar que se derrubase a cruz franquista do Castro.
- Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo ten inda unha débeda pendente coa restitución da memoria histórica e democrática. Hai que pasar dos discursos aos feitos
O Bloque Nacionalista Galego reaccionou esta mañá ás declaracións realizadas no día de onte polo alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, nas que no marco dun acto institucional afirmou que “a memoria é o alicerce fundamental da democracia”, criticando o seu “cinismo” e denunciando a falla de compromiso do seu Goberno municipal na recuperación da memoria histórica e democrática na cidade.
“É moi difícil acreditar na sinceridade dunhas declaracións dese tipo do mesmo alcalde que recorreu xudicialmente unha sentenza para evitar que se derrubase a cruz franquista do Castro ou que agora quere dedicar máis de cen mil euros a financiar a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús de 7 toneladas, cando foi un símbolo utilizado polo réxime nacional-católico de Franco na súa campaña de reevanxelización do Estado após o triunfo do golpe militar fascista de 1936”, retrucou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas denunciou a falla dun compromiso real e efectivo por parte do Goberno municipal de Vigo para avanzar na recuperación da memoria histórica e democrática da cidade e acusou o rexedor de “desatender e desprezar” a colectivos como a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.
Desde o Bloque instan a Caballero a pasar dos “discursos grandilocuentes en actos institucionais” aos feitos concretos. “Sabe que contará con todo o apoio do BNG para despregar unha axenda política clara e concreta para seguir avanzando en Vigo na restitución da memoria, como un paso imprescindíbel para combater o fascismo que volve asomar cabeza e para apoiar as vítimas do franquismo que seguen a esperar a verdade, xustiza e reparación que merecen”, manifestou o portavoz municipal nacionalista. “O Concello de Vigo ten inda unha débeda pendente coa restitución da memoria histórica e democrática”, acrecentou.