Vigo, Galicia
General Vigo

O BNG de Vigo alédase da permanencia do Marisquiño pero insiste en demandar cooperación institucional para blindar a súa continuidade a medio e longo prazo

Perante a confirmación por parte da entidade promotora do Festival O Marisquiño de que finalmente si se vai realizar a edición deste 2021, e de que se teñen avanzado compromisos para estabilizar a colaboración das diferentes administracións, o Bloque Nacionalista Galego quere expresar publicamente o seguinte:


1. Trasladar, en primeiro lugar, a satisfacción de que se teña evitado a marcha do principal evento internacional que se realiza na cidade e de que se dean, agora, as condicións para a realización da edición deste ano.

2. Estamos convencidas e convencidos de que a permanencia do Marisquiño na nosa cidade é un logro colectivo, protagonizado fundamentalmente pola entidade organizadora do mesmo e polo enorme apoio social que suscita, e que nas últimas semanas se expresou de maneira clamorosa avogando pola súa continuidade.

3. O BNG nunca aposta no “canto peor mellor” e consideramos que asuntos de cidade como este, merecen sempre dunha posición construtiva. Por iso, coa mesma determinación que expresamos a nosa alerta e crítica perante o risco, real, de que o Marisquiño puidese marchar de Vigo pola falla dun apoio institucional sólido, saúdamos hoxe positivamente os pasos adoptados polas diferentes administracións implicadas que teñan favorecido este desenlace satisfactorio.

4. No entanto, seguimos a manter o chamado á responsabilidade institucional demandando expresamente a que ningún goberno, local ou galego, xogue a patrimonializar o Marisquiño, e a deixar fóra da disputa partidista permanente entre ambas as dúas administracións o festival.

5. Seguimos a considerar imprescindíbel, tal e como trasladamos a pasada semana, que Concello de Vigo, Xunta de Galiza e Autoridade Portuaria avancen, a través do diálogo honesto e da cooperación leal, nun marco de colaboración estábel que blinde a continuidade do Marisquiño na nosa cidade a medio e longo prazo. Con ese obxectivo seguiremos a orientar a nosa actuación política e institucional en todos os ámbitos.

Deja una respuesta