Vigo, Galicia
General Portada

O Bloque denuncia que o PP “volve dicir non a Vigo” ao rexeitar as súas emendas aos orzamentos da Xunta

  • A fronte nacionalista demandaba un incremento de 105 millóns de euros no investimento do Goberno galego en Vigo.
  • Xabier P. Igrexas: “O PP di con cinismo que están ‘por Vigo’ pero a Xunta  de Feixóo insiste nunha deliberada política de abandono e maltrato contra a principal cidade de Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego criticou o rexeitamento por parte da maioría absoluta do Partido Popular de todas as emendas formuladas aos orzamentos da Xunta para o vindeiro 2021, e nas que as nacionalistas demandaban un incremento por volta dos 105 millóns de euros no investimento do Goberno galego na cidade de Vigo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que con esta negativa “o Partido Popular volver dicir ‘non’ a atender as necesidades da cidade de Vigo”. Nese sentido, exemplificou que o rexeitamento do PP ás emendas nacionalistas supón “dicir non” a medidas como a posta en marcha dun plan de reactivación industrial, a creación dun centro de reparacións navais na ría de Vigo, o instituto para Navia ou a posta en marcha de tres novas escolas infantís.

Aliás, o veto popular ás propostas da fronte nacionalista suporá insistir no “modelo privatizador e recortado” imposto na sanidade pública, ao impedir o rescate da concesión do hospital Álvaro Cunqueiro, a integración de Povisa na rede Sergas ou o reforzo da atención primaria.

Cinismo do PP de Vigo

O portavoz municipal nacionalista criticou tamén o “cinismo” do Partido Popular de Vigo. “Nos últimos meses o PP de Vigo puxo en marcha unha campaña propagandística baixo o lema ‘Estamos por Vigo’, e o que lle queremos dicir ao PP e ao seu voceiro, Alfonso Marnotes, é que ninguén pode acreditar en que estean de verdade por Vigo cando os seus deputados e deputadas din que non a atender as necesidades da cidade, e cando o seu goberno na Xunta insiste nunha deliberada política de abandono e maltrato contra a principal cidade de Galiza”, reprochou.

Para Igrexas “non hai slogan que poida ocultar o maltrato sistemático que o Partido Popular aplica sobre as viguesas e os vigueses” e comprometeu que o BNG seguirá a loitar en todos os ámbitos por poñer fin a esa política.

Deja una respuesta

Hide picture