Vigo, Galicia
General Portada

Miranda e Fernández-Tapias reúnense cos bolseiros Beme da secretaría Xeral da emigración que cursan este ano un mestrado no campus de Vigo

  • Entre os temas a tratar estivo a necesidade de facilitar a tramitación da residencia das familias dos galegos retornados que non contan coa nacionalidade española

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta en Vigo, un encontro cos bolseiros Beme que están a cursar un mestrado no campus de Vigo acompañado da delegada da Xunta nesta cidade, Marta Fernández-Tapias. Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte a universidade olívica, que son galegos retornados do exterior ou descendentes de galegos, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Durante o encontro, os alumnos trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

Entre os temas que se analizaron nesta reunión estivo a necesidade de facilitar a tramitación da residencia das familias dos galegos retornados que non contan con nacionalidade española, e que lles causa algúns problemas, especialmente de tipo burocrático.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

A convocatoria para as bolsas do próximo curso 2021/22 aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da Covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Thumbnail ARM MFT 21.05.06

Deja una respuesta