- A delegada territorial critica que leve anos manipulando a realidade con falsas informacións sobre paralizacións e proxectos e falta de inversión da Xunta en Vigo
- Defende que a xente quere “diálogo e colaboración” e que a confrontación permanente e a crítica constante por parte do alcalde vigués “xa non teñen sostén”
- A representante autonómica marca as distancias fronte ao individualismo a prol dunha política de servizo aos vigueses: “Debemos resolver problemas non xeralo
A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acentuou o compromiso “incuestionable” do Executivo galego co crecemento económico e social de Vigo, sendo a administración que máis está a investir na cidade na súa historia. Reivindicou así os resultados; das promesas que se converteron en feitos e dos proxectos que, grazas a Xunta, contribuíron a que hoxe Vigo avance, prospere e mellore. “A nosa -dixo- é unha xestión de proxectos que constrúen cidade, de servizos que axudan ás familias, útil para os cidadáns”, sentenciou, ao tempo que engadiu que “vén avalada polos nosos feitos”.
Uns feitos que, censurou, “algúns están empeñados en negar”, en clara referencia ao alcalde de Vigo, ao que afeou enarborar unha falsa bandeira de vitimismo fronte a Xunta, buscando exclusivamente o interese político a costa de Vigo e os vigueses. Na súa opinión “un viguismo mal interpretado, que na cidade empeza a non crerse”. Defendeu así que mentres os cidadáns reclaman “más diálogo e menos división” hai quen segue instalado nunha crítica constante e unha confrontación permanente que xa non ten sostén”. Fernández-Tapias marca así as distancias fronte ao individualismo a prol dunha política de servizo aos vigueses.
Neste sentido, se mostrou moi crítica con quen leva anos manipulando a realidade con falsas informacións sobre supostas paralizacións, falta de inversións e proxectos en contra da cidade por parte da Xunta de Galicia; con quen cuestiona a independencia dos técnicos; con quen busca en cada unha das súas accións impoñer a súa vontade por riba do ben común.
Moitos son os proxectos que permanecen paralizados, pero non como di Caballero por culpa da Xunta se non máis ben todo o contrario. Neste sentido, a delegada apuntou ao Instituto de Navia, para o que a Xunta ten reservada unha partida para a redacción do proxecto á espera de que o Concello ceda os terreos. “Se non se fai é porque o alcalde non quere”, sinalou.
“Estamos fartos de oírlle falar de que asume competencias que non son súas. Cales?”, preguntouse a delegada. Neste sentido, referiuse ás inversións nos centros educativos que superan os 29 millóns de euros nestes anos de Executivo de Núñez Feijóo, para aludir ao último episodio no que o alcalde quixo culpar á Xunta da súa propia incompetencia como é o caso do traslado da escola infantil de Santa Marta. “Non é a Xunta a que se opón a integrar esta escola no CEIP Ramón y Cajal, é a comunidade educativa ao completo”, incidiu, para entoar un “non imos permitir que se nos siga desacreditando inxustamente” e censurar que, como contrapartida e a modo de represalia, sexan os profesores os que teñan que “pagar o pato” ao expulsalos da que ven sendo a súa casa os últimos 30 anos, en clara referencia a CFR de López Mora.
Ao fío recordou que o mantemento dos centros escolares son tamén competencia dos concellos, para apuntar que tamén o é o cofinanciamento dos centros de día da Xunta, pese a que insista en desmentilo e en xudicializalo, obviando as sentencias que non lle dan a razón. Unha práctica habitual xa do alcalde, que tende a retorcer os ditamines dos xuíces, como ten sucedido no caso da área metropolitana de Vigo, da que a xustiza xa dixo que non pode funcionar sen a integración efectiva do transporte e, máis grave aínda se cabe, excluíndo ao vigueses e viguesas das bonificacións das que xa se benefician na meirande parte de Galicia. Y suma, e segue.
Atrancos e obstáculos
Na opinión de Fernández-Tapias queda claro que ao alcalde non lle interesa que a Xunta invista en Vigo xa que “todo son atrancos”. Así aludiu ás orixes do Cunqueiro cando atrasou a obra negando as acometidas, ou cando cambiou a ordenanza para poder cobrar o IBI deste centro sanitario. Recordou que as 1.600 vivendas proxectadas en Navia poderían estar hoxe feitas senón fora polo bloqueo ao que Caballero someteu o Plan de Navia durante anos; que hoxe Vigo podería ter o primeiro campus de FP de Galicia senón fora porque se opuxo desde o primeiro momento, e que se o desenvolvemento da ETEA non está máis avanzado e polos moitos obstáculos que puxo Caballero desde o Goberno local.
“Esta tan enfrascado na batalla política que xa non disimula que Vigo non é a súa prioridade”, sinalou, para apuntar que segue sen firmar o convenio que permitiría a Xunta actuar no río Lagares. “Non quere que invistamos 6,8 millóns de euros nun proxecto que esta paralizado polo seu capricho, dilatando un procedemento que pon en perigo que está actuación sexa susceptible de ser financiada a cargo de fondos europeos”, engadiu. Caso distinto é o do proxecto municipal do Anel Verde para o que si podería optar aos Next Generation por moito que insista en negalo. Así, remarcou
que o anteproxecto de anel verde non se enmarca en ningún procedemento administrativo e, por tanto, non ten carácter vinculante para o seu posterior desenvolvemento. “Se quere realmente recorrer a estes fondos que os pida, ninguén llo impide”, apuntalou.
Con todo, recordou que “desde a Xunta de Galicia quixemos impulsar unha serie de obras que van supoñer un investimento total de 1,4 millóns de euros e que comezaron no ano 2019 con actuacións en Zamáns, San Andrés de Comesaña, Coruxo ou Valadares, entre outros. Uns traballos que se enmarcan dentro dun concepto mais ambicioso, como é o do bosque periurbán”, apuntou Fernández-Tapias, quen desmentiu taxativamente a afirmación do alcalde de que a Xunta só inviste 100.000 euros nos montes de Vigo.
Tamén fixo referencia á proxectada sede do Centro Galego de Arte Contemporánea no barrio histórico, que os membros municipais do PSOE bloquearon ata en dúas ocasión no seno do Consorcio Casco Vello de Vigo do que coincide Fernández-Tapias é a súa presidenta e pese a ter o Concello unicamente unha representación do 10%. Tampouco atende o alcalde a petición reiterada de activar o mecanismo da expropiación que axilizaría a compra de varios inmobles no casco histórico que, por diversas razóns, non se poden adquirir pola vía ordinaria.
En materia de política social, a delegada recordou que Vigo é unha das cidades á que máis recursos destina o Executivo autonómico rozando os 50 millóns de euros, polo que volveu a censurar que o alcalde estea constantemente negándoo. O enésimo exemplo que, en opinión de Fernández-Tapias, ven a referendar que o alcalde falla a verdade sistematicamente e na vez de aportar solucións aos problemas dos seus veciños prefire enfrontarse á Xunta. “Non lle preocupa ser a cidade que a nivel municipal máis tarda en xestionar a Renta de Inclusión Social -á que a Xunta destina anualmente 12,5 millóns de euros-, pero lle falta tempo para reclamar un maior investimento para O Marisquiño”, insistiu a delegada para evidenciar un criterio de prioridades por parte do Goberno local canto menos cuestionable.
Precisamente, respecto ao Festival de O Marisquiño Fernández-Tapias recordou que foi a Xunta a que moveu ficha para que Vigo non perdera este certame, pese a que o alcalde quixo arrogarse o mérito, “Incrementamos a achega deste ano ata os 200.000 euros, que foi o que negociamos coa organización”, dixo, dando resposta así ao informe de necesidades que presentaron os seus responsables. “O noso apoio económico o negociamos co Marisquiño, non co alcalde, ao que non temos que darlle explicacións”.
Doble vara de medir
A representante autonómica mostrouse convencida de que pese a que seguramente haxa que mellorar en cousas, xa non resulta crible que a Xunta o faga todo mal como quere dar a entender o rexedor vigués. A este respecto, preguntouse a quen quere enganar ao apuntar ao Executivo autonómico como o responsable do atraso na tramitación do Ifevi cando a estas alturas todo o mundo coñece xa que foi o Goberno central o que dilatou 8 meses os informes que lle correspondían. “Chegou a dicir que non queriamos facelo e hoxe está xa adxudicado”, subliñou.
“Ao igual que a Biblioteca do Estado, que tampouco queríamos facela -ironizou- e hoxe vémonos solos na pelexa porque Vigo non só a teña, senón para que sexa a mellor destas características de Galicia. E a dobre vara de medir que ten Caballero na súa análise dos compromisos que mantén a Xunta coa cidade respecto aos do PSOE en Madrid.
O seu xuízo non parece razoable que o alcalde prefira criticar ao Goberno galego na vez de defender o peso que ten que ter Vigo no deseño da política nacional, como ocorre, dixo, no caso do Corredor do Atlántico, a saída sur ou a subestación eléctrica. Sobre esta última precisamente viuse de novo obrigada a corrixir ao alcalde nunha cuestión que prexudica a competitividade do tecido industrial de Vigo e a calidade do servizo aos consumidores, e que xa tiña comprometida o anterior Executivo de Rajoy co presidente Feijóo. Neste caso, reiterou, “non é que non nos dean algo que non nos corresponda é que nos quitan o que xa tíñamos”.
Xa por último, e matizando que deixa atrás temas como os relacionados coa Dirección Xeral de Patrimonio na que defendeu a independencia dos técnicos, que a diferenza do que di Caballero se rexen unicamente por criterios normativos e non por directrices políticas, tal e como insinúa Caballero, a delegada considerou lamentable que nin sequera a crise sanitaria e a difícil situación que están atravesando sectores como o da hostalería lle fagan reaccionar e mudar de actitude sobre “a súa política a golpe de mentiras”. Así, volveu a insistir en que os máis de 4 millóns de euros que a Xunta destinou á hostalería de Vigo foron dos fondos propios que financiaron con 70 millóns de euros o primeiro plan de rescate.
Razóns todas as detalladas que poñen en cuestión a credibilidade de quen di que a Xunta inviste “cero euros” en Vigo cando é de lonxe a que máis orzamento destinou de entre todas as administracións públicas, en obras tan relevantes como a Cidade da Xustiza, a depuradora ou Hospital Álvaro Cunqueiro, un dos mellores complexos
sanitarios de España, o mellor de Galicia, e “cento por cento público, pese que o alcalde leve anos negándoo”, dixo. Un centro sanitario sen o que hoxe non resistiriamos como o estamos a facer esta crise sanitaria e ao que se suman, os centros de saúde de Navia, o de Bouzas “que tamén insinuou que non o faríamos” e o futuro CIS Olimpia Valencia.